Por Galicia Confidencial | Compostela | 29/12/2017 | Actualizada ás 08:30
“Non hai novidades ao respecto. Só que estamos interesados en ver como se resolve esa posible venda porque non está vendido aínda. E é o goberno arxentino, a través do interventor, o que decidirá, no seu caso, a venda ou non”. É ó que dixo este xoves o presidente da Xunta ao ser preguntado polas negociacións sobre o futuro da colección artística do Centro Gallego. Un conxunto de 161 obras que, tal e como publicou GC, están taxadas en 13.889.400 millóns de pesos –665.000 euros--.
Deste xeito, a Xunta deixa en mans do Goberno arxentino –que interviu o Centro Gallego hai varios anos-- o futuro dunha das coleccións artísticas máis importantes da emigración. Con todo, Feijóo aclarou que o seu goberno “ten activadas “ distintas comunicacións a través da embaixada de Arxentina en España sobre esta situación e sobre a súa posición ao respecto.
Neste sentido, e a preguntas de GC, Feijóo suliñou que xa ten “concretado” o interese por “preservar e por manter como unha fundación de interese cultural” esta colección. “É un interese do Goberno galego por non perder, vender e dispersar ese contido cultural”, insistiu. “Lóxicamente dacordo cunha lexislación que é a arxentina”, engadiu.
“A NOSA POSICIÓN ESTÁ MARCADA”
“Pero desde o punto de vista política a nosa posición está marcada, tanto desde cando falei co presidente Macri, como na última xuntanza co embaixador”, sinalou. Feijóo tamén lembrou que o delegado da Xunta en Arxentina “ten toda a representatividade do Goberno galego” para seguir traballando “no camiño de manter ese legado”, pero que, polo de agora, “non hai novidades”.
Con todo, Feijóo non aclarou se esa obra quedará ou non na Arxentina. Desde hai días foron numerosos os emigrantes que piden que ese legado quede nese país, custodiado por colectivos da emigración tal e como recolleu xa o GC.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.