Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/01/2018 | Actualizada ás 16:13
A dimisión do presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), Antón Arias, volve deixar á patronal ante un horizonte incerto e no medio dunha crise cronificada. É o terceiro abandono en tres anos dun máximo representante da institución, logo do de José Manuel Fernández Alvariño en novembro de 2015 e o de Antonio Dieter Moure en outubro de 2016.
O coruñés Arias, que anunciou a súa saída coincidindo cun comité executivo este xoves, ocupaba o cargo desde hai case un ano, xa que foi elixido polos empresarios galegos o 27 de xaneiro de 2017, nuns comicios nos que foi o único candidato —presentouse a última hora— e após lograr a maioría simple dos votos da asemblea.
A súa chegada á CEG estivo marcada pola polémica, xa que parte da confederación —as provincias de Ourense e Pontevedra— denunciou unha suposta traizón —da Coruña e Lugo— ao pacto alcanzado polos catro vicepresidentes que conforman a xestora segundo o cal a intención era acordar un candidato conxunto.
Agora, dimite despois de conseguir —segundo reivindica— un dos dous obxectivos que se fixou, o da viabilidade económica da organización, pero sen lograr o segundo, a modificación estatutaria, e no medio dun clima de permanente conflito e división entre o norte e o sur. De feito, existe un cruzamento de acusacións sobre supostas irregularidades na xestión dos últimos anos.
COMUNICOULLO A FONTENLA
"Prefiro deixalo". Estas son as palabras que lle trasladou Arias a Antonio Fontenla, o presidente dos empresarios coruñeses e líder da CEG entre 2001 e 2013, quen gañou en dúas ocasións ao seu histórico rival Fernández Alvariño.
Fontenla, un dos principais valedores de Antón Arias, explicou que soubo da súa decisión de dimitir na mañá deste xoves, cando lle comunicou que quería que fose "o primeiro" en estar ao tanto.
Con todo, diversas fontes daban por feito esta saída desde hai semanas ou meses, e outras cuestionan que a materializase neste momento e non na última asemblea, celebrada hai días.
"Pregunteille: por que? E contestoume: logrei un dos meus obxectivos", expuxo o representante da confederación coruñesa. A este respecto, subliñou que o cambio de estatutos "é moi difícil" debido á forma de funcionamento do ente, e que el tampouco foi "capaz" en 12 anos de dous mandatos consecutivos. "E había paz", apostilou.
Preguntado sobre se está disposto a volver tomar o bastón de mando, Fontenla afirmou rotundo que "non". E, sobre se xa manexa algún posible candidato, ironizou con que polo menos necesita "unha noite de reflexión".
CATRO ANOS "FATAIS"
Iso si, quen cualifica os últimos catro anos da CEG non xa de "malos" senón de "fatais", Antonio Fontenla, será o responsable, por antigüidade, da comisión de vicepresidentes que se constituirá nos próximos días como xestora da institución, tal e como establecen os estatutos.
Apuntou ao martes ou mércores como posibles datas para esa reunión, á que acudirán Jaime López pola confederación de Lugo e, previsiblemente, José Manuel Pérez Canal e Jorge Cebreiros por Ourense e Pontevedra, respectivamente.
López deixou recentemente a secretaría xeral da CEG, entre outras cuestións, para tratar de deslexitimar as críticas polos seus movementos e proximidade a Arias e Fontenla.
Mentres, Pérez Canal e Cebreiros mantiveron durante o último ano unha oposición constante á presidencia de Arias, con momentos de maior intensidade que precisamente responderon, nos últimos meses, á vontade de reforma estatutaria.
Tamén o presidente da confederación ourensá, que se atopaba estes días de viaxe en Madrid, avogou por "esperar a ver que di" Antón Arias, que convocou unha rolda de prensa a última hora da tarde deste xoves.
Por agora el, segundo asegurou, non ten "pensado" volver dar un paso á fronte, como xa o fixo nas eleccións que lle enfrontaron ao tamén ourensán Antonio Dieter Moure.
O que si manifestou Pérez Canal é que "a cousa non ía ben" desde hai tempo na CEG e que segundo os estatutos agora tocarían novos comicios, aínda que tamén apostou por "esperar".
NOVAS ELECCIÓNS?
E é que os estatutos da CEG recollen que a xestora terá desde o momento de constituírse 40 días para convocar un novo proceso electoral.
Con todo, diversas fontes non dan por feito que isto sexa así, e até hai quen apunta á capacidade de goberno desta comisión.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.