Por Galicia Confidencial | Ourense | 31/01/2018 | Actualizada ás 11:44
A Plataforma Feminista Galega carga duramente contra a campaña da Xunta para o fomento da natalidade por "enfocarse exclusivamente cara as nais" e "non reflexar a realidade dos tempos nos que vivimos nin nos que queremos vivir", denuncian.
A campaña, titulada 'A vida nunca foi tan grande', "desenmascara unha vez máis o nulo compromiso do Partido Popular co feminismo, reflectido neste caso no vídeo promocional", sinalan as feministas, pois "para o coidado de bebés so contemplan que o fagan as nais (en ningún momento sae no vídeo un home)", sendo ademais "nais que alimentan as crianzas con biberóns ou papillas, obviando a lactancia materna", cuestións que desde a Plataforma Feminista Galega vense como "inaceptables", xa que "esa non é unha representación real da sociedade", din.
"Esta campaña non é representativa e non reflexa a realidade dos tempos nos que vivimos nin nos que queremos vivir", subliñan as feministas.
Por iso, esixen á Xunta de Galicia que revise as súas campañas publicitarias e, en xeral, ás administracións, que "quen lles deseñe as campañas, así como quen se encargue de levalas adiante e quen teña algo que ver coas campañas e políticas nestes ámbito, sexa alguén que teña sensibilidade e ampla formación no tema".
Para a plataforma, impulsar a natalidade non é unha cuestión exclusiva das mulleres, senón unha "corresponsabilidade" tamén dos homes.
"A igualdade entre mulleres e homes non é un tema baladí, mais como teñen amosado en múltiples ocasións, non entra na axenda do Partido Popular", censuran as feministas, que enumeran algúns exemplos: "falar de oportunismo político por condenar asasinatos machistas (Ana Vázquez Blanco, deputada do PP), responder cun «niso non nos metemos» ante un tema de desigualdade salarial (Mariano Rajoy, presidente do Goberno), asinar o Pacto de Estado contra a violencia para conxelalo e non aplicar nin a primeira das medidas...".
"Ese non é o camiño", alertan desde esta plataforma, que considera necesario poñer en marcha campañas educativas para a sensibilización e formación da sociedade, para acadar o obxectivo da igualdade entre mulleres e homes, e "non cara o mantemento dos roles tradicionais de xénero".
Esta non é a primeira campaña da Xunta de Galicia obxecto das críticas da Plataforma Feminista Galega, que xa denunciou recentemente a lanzada co gallo do Día Internacional contra a violencia de xénero, o 25 de novembro, á que denominaran “O máis grande de Galicia non se maltrata”, criticada por considerala unha campaña "rancia e machista que amosaba o normalizado que está o patriarcado e a cousificación das mulleres na nosa sociedade".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.