Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/02/2018 | Actualizada ás 10:52
A Policía Nacional detivo a 40 homes, un deles en Pontevedra, entre os que se atopan profesores, enxeñeiros ou empregados públicos, que intercambiaban material pedófilo de "extrema gravidade", segundo a categorización establecida polo proxecto 'Baseline' de Interpol, en Internet.
A Policía informou de que practicou 42 rexistros domiciliarios por toda a xeografía española, nos que interveu numerosos computadores portátiles, máis de 100 discos duros, discos compactos e DVD's.
Entre os detidos atópanse profesores, enxeñeiros, empregados públicos ou autónomos, desempregados e xubilados. Varios destes utilizaban o 'software' para o borrado de arquivos de contido pedófilo e navegadores para acceder á 'dark web' e tentar eludir así a identificación policial.
Os arrestos producíronse en Alacante (5), Almería (1), Ávila (1), Barcelona (4), Lleida (1), Xirona (1), Cáceres (1), Córdoba (2), Granada (1), Guipúscoa (1), Madrid (10), Málaga (2), Palma de Mallorca (2), Pamplona (1), Pontevedra (1), Valencia (4) e Biscaia (2).
Un dos detidos en Alacante, ademais de distribuír material ilegal pola rede, acosaba a menores para conseguir imaxes de contido sexual, que posteriormente editaba e subía a Internet, feito polo que foron identificadas catro nenas vítimas de acoso sexual. Na mesma provincia levouse a cabo o arresto de dous irmáns que posuían e compartían gran cantidade de arquivos de contido pedófilo.
A Policía Nacional tamén destacou a identificación en Córdoba dun experto informático que adoptaba fortes medidas de seguridade e instalara unha antena Wifi de grande alcance no tellado do seu domicilio. Así, conectábase de forma fraudulenta a outras redes da súa veciñanza para descargar o material ilícito, dificultando o labor policial.
Os especialistas están a analizar todo o material intervido a fin de determinar a posible existencia dun delito de produción de material pedófilo, abusos sexuais sobre menores por parte dalgún dos identificados ou a existencia de conexións con outros pederastas cos que puidesen interactuar na rede.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.