Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 05/02/2018 | Actualizada ás 17:00
O Sergas só dispón de 324 fisioterapeutas para atender as crecentes necesidades dunha poboación galega que supera as 2.700.000 persoas · Algunhas áreas sanitarias só contan con un só fisioterapeuta por cada 30.000 habitantes, cando a recomendación da Organización Mundial da Saúde (OMS) é de 1/1.200 habitantes. Esta é a denuncia que fai o Colexio Oficial de Fisioterapeutas de Galicia (CoFiGa), que denuncia ademais que para acceder a Fisioterapia no Sergas, as listas de espera chegan ata un ano en Atención Primaria e manteñen unha media de tres meses en Especializada
Cando existen estudos que demostran que unha maior presenza de fisioterapeutas en Atención Primaria supoñería un aforro de 1.300 euros por paciente en casos de dor lumbar, diminuíndo unha media de tres meses o proceso de tratamento, en Galicia a situación da Fisioterapia no sistema público de saúde arroxa datos "desalentadores" para unha sociedade, a galega, "cada vez máis afectada por procesos de cronicidade, discapacidade e dependencia", lamenta o presidente do Colexio Oficial de Fisioterapeutas de Galicia, Perfecto Pampín Lado.
Para reverter esta situación, o presidente dos fisioterapeutas galegos reclama da Administración Sanitaria que, ademais dun "undamental e necesario incremento do número de fisioterapeutas que prestan os seus servizos no Sergas", se modifique o procedemento asistencial cara ao paciente.
Isto é: establecer un sistema que contemple o acceso directo á Fisioterapia en todos os niveis asistenciais, como xa sucede en máis de 40 países, como Reino Unido, Suecia, Australia, Brasil, Sudáfrica e máis recentemente Holanda, é unha medida que, segundo destaca Perfecto Pampín, goza dun grande aval científico que apoia a súa idoneidade polo seu custo/efectividade, reducindo tamén o gasto farmacéutico e mellorando por tanto a eficiencia do sistema sanitario.
Argumenta o presidente do CoFiGa que a Fisioterapia é un servizo sanitario básico e fundamental do que moitas persoas, de todas as idades e condicións, dependen para poder manter calidade de vida, xa que "recibir atención por parte dun fisioterapeuta é un factor decisivo para o desenvolvemento, a recuperación e o mantemento das capacidades funcionais das persoas", destaca o Colexio.
Galicia mostra ademais unha singularidade polo progresivo envellecemento dunha poboación cada vez máis afectada por procesos crónicos, altamente discapacitantes e xeradores de dependencia. Lembra o presidente dos fisioterapeutas galegos que a Fisioterapia "non debe ser considerada polo sistema público de saúde como un luxo ao que só poden acceder un pequeno número de pacientes".
"O fin último da Fisioterapia non é outro que promover, manter, restablecer e incrementar o nivel de saúde dos cidadáns, co obxectivo de mellorar a súa calidade de vida e facilitar a súa plena reinserción social, familiar e laboral", salienta CoFiGa.
Para este Colexio, porén, o desenvolvemento académico, profesional e científico desta disciplina "non se ve reflectido na súa implantación nos sistemas públicos de saúde", malia o cal hai "cada vez maior demanda dos servizos dos fisioterapeutas" na sociedade.
Por todo iso, o presidente do CoFiGa incide ante a Xunta na "necesidade establecer medidas urxentes para incrementar no sistema público de saúde o número de fisioterapeutas que prestan os seus servizos á poboación", para o cal habería que "dotar de fisioterapeutas a todos os centros de saúde e a todas as unidades e servizos asistenciais de Atención Especializada (cardioloxía, traumatoloxía, neuroloxía, pneumoloxía, xinecoloxía, pediatría, oncoloxía, xeriatría, coidados paliativos…), ademais de regular un sistema de acceso directo a Fisioterapia que garanta á poboación unha prestación sanitaria de calidade", destaca.
Segundo propón o presidente do CoFiGa, trátase de trasladar á práctica habitual que se desenvolve no sistema público de saúde de Galicia, un modelo de atención sanitaria de "constatados resultados" que, di, "melloraría notablemente a prestación dunha atención sanitaria de calidade". Para iso, o CoFiGa ofrécese como organismo consultor na súa implantación.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.