Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/02/2018 | Actualizada ás 16:50
O presidente dos empresarios da Coruña e actual responsable da xestora da confederación galega, Antonio Fontenla, reivindicou o papel da CEG, que é "a asociación recoñecida por lei na Xunta".
Dos "demais" dixo que "son uns clubs" e "sitios agradables para reunirse", preguntado nunha entrevista na Radio Galega que recolle Europa Press por outras asociacións nas que se integran os empresarios e que nos últimos tempos gañaron peso, de forma paralela á crise que vive a patronal.
Así, pouco despois de asumir o liderado da xestora da CEG --após dimitir o seu último presidente, Antón Arias--, Fontenla defendeu que as confederacións teñen actualmente moitas e "boas" instalacións. "O que non damos é comidas", agregou, con ironía, a continuación, e antes de resolver que "cada un debe dedicarse ao que ten que dedicarse".
Fixadas xa as eleccións na CEG para o 10 de maio, o empresario coruñés reiterou que el non vai ser quen se presente, pero que espera que haxa unha soa candidatura, algo que ve "moi necesario" para que non se repita o ocorrido no pasado, con situacións de bloqueo e conflitos internos.
"COÑECER A FILOSOFÍA"
Ademais, opinou que o máximo representante da CEG "ten que coñecer a filosofía" da institución, cuestionado por declaracións de Arias nas que criticaba os contratos precarios ou reflexionaba sobre a conveniencia dun referendo en Cataluña.
El, pola súa banda, sobre a reforma laboral, comentou que "se ve a cantidade de emprego que se está creando", aínda que non descartou que haxa que facer "algún retoque", en "ambos os sentidos".
Pero, para Fontenla, as palabras expresadas por Antón Arias foron "un exceso de confianza". "O presidente da CEG ten que ter opinións persoais coa súa muller e cos fillos, pero na prensa non podes dar as túas opinións persoais", finalizou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.