A Acción Exterior Galega, arredor de si

A Xunta publica unha nova Estratexia Galega que fai da necesidade virtude .

Por Serafin Pazos | Bruxelas | 08/02/2018

Comparte esta noticia

“O 1 de febreiro de 2018 o Consello da Xunta aprobou a Estratexia de acción exterior de Galicia, un documento que ofrece un marco global e completo con toda a acción exterior da nosa comunidade e que define obxectivos e ámbitos de actuación e establece os instrumentos necesarios para acadar estas metas”. Así reza a nota de prensa da Vicepresidencia Xunta de Galicia anunciando a EGAEX. O feito de que nun contexto como o actual, co goberno español pechando as oficinas da Generalitat nunha causa xeral de sedición, con autonomías coma Madrid pechando a delegación de Bruxelas para por ao antigo director no “coworking” para CC.AA. que Exteriores fixo no faiado na REPER española, o feito de que o Goberno de Feijóo non só non anuncie que ten unha nova estratexia de acción exterior senón que a aprobe formalmente polo Consello da Xunta non deixa de ser salientable.  Non é que o documento, que adoece da tan hispánica tradición da verborrea, sexa unha novidade en si, de feito recoñece que gobernos anteriores, con Fraga e con Touriño, fixeron exercicios semellantes  (Libro Branco de 2005 e "Estratexia de acción exterior de Galicia. 100 reflexións", de 2007). O salientable é como dicimos que coa que está a caer se molesten en facer un exercicio tal, que por certo nesta ocasión tentou ser un exercicio de consulta máis aberto, alén dos persoeiros, incluída a discusión no parlamento e segundo parece tamén unha consulta pública.  

Resulta tamén salientable a continuidade respecto de documentos anteriores, incluída a ambición de darlle a Galicia un estatus especial no contexto europeo ao igual ca Flandres, Baviera ou...Catalunya. Isto, que era moeda corrente no auxe da época da “Europa das Rexións” e os grandes pronunciamentos de Fraga, Pujol, etc. hoxendía resulta case revolucionario. En parte explícase pola continuidade no tempo da Secretaría Xeral , agora Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, e por tanto a memoria histórica e institucional acumulada ó longo de case trinta anos. Para alguén que coma o que escribe participou na redacción dalgún dos documentos anteriores constitúe un grato deja vu, e mais cando non só a maioría das CC.AA. senón tamén os propios Lander alemáns e austríacos , as rexións lexislativas italianas, etc, hai tempo que deixaron de crer realmente na chamada “paradiplomacia” europea e coma moito concéntranse en buscar o mellor acomodo dentro do seu Estado. Por falar a EGAEX fala mesmo da pertenza (vía o Consello da Cultura Galega) na Comunidade de Países de Lingua Portuguesa (CPLP)

Por suposto, fillo dos tempos, o documento é máis económico (atracción de investimento, etc.) e menos de “alta política” cos seus predecesores. En parte isto non é malo dado que, como amosa a lóxica catalana, moito do paradigma da chamada “acción exterior” era un castelo no aire sen solución de efectividade real. Ante as entelequias tanxibles mellor centrarse nos resultados tanxibles. Tamén é exquisita a servidume á chamada “Lei Margallo”, tamén a Lei de Acción Exterior e do Servizo Exterior do Estado (LAESE) e as súa pretensión de pórlle cancelas ó agro, na súa pretensión de fiscalizar e de feito limitar a acción das CCAA. Mais faise coa suficiente arxe para usar a LAESE para obrigar a administración do Estado a contar con Galicia á hora de firmar tratados e establecer negociacións internacionais. Tendo en conta os tempos e a ideoloxía do equipo de goberno da Xunta mesmo unha apelación retórica neste senso en vez de quedarse na resignación provinciana xa e algo.

Agora ben, coma os documentos anteriores , a EGAEX adoece das mesmas eivas. Como critiquei abondosamente en repetidas ocasións  (“Galicia e Europa: arredor de si, Tempos Novos, 2014, “A non-política europea de Galicia” Tempos Novos, 2013) de pouca utilidade é ter unha estratexia que non ten prazos, nin establece mecanismos de coordenación dentro do goberno e coa comunidade da acción exterior de Galicia, nin previsións de resultados, nin dotación de medios económicos e loxísticos, que persiste en mecanismos obsoletos como a Fundación Galicia Europa, que nin é delegación do goberno nin a entidade público privada que di ser. Non hai máis que ver os plans máis detallados que teñen en Flandres e Escocia, por pór dous exemplos relevantes pouco sospeitosos de caer na deslealdade constitucional, para ver a enorme distancia entre os pronunciamentos da EGAEX e unha auténtica acción exterior no terreo.  A risco de caer na pedantería tecnocrática non se pode dicir outra cousa que logo de 40 anos de autonomía basta xa de facer e refacer grandes estratexias e centrémonos máis en verdadeiros plans de acción que se leven a termo.

 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA