Os axentes forestais e medioambientais esixen á Xunta que "pague o que lles debe"

Este colectivo segue os pasos dos compañeiros da Xustiza, en folga indefinida, e pide ao Goberno que sente a negociar para actualizar un "acordo de condicións de traballo caducado e totalmente obsoleto".

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 09/03/2018 | Actualizada ás 13:34

Comparte esta noticia

Os axentes forestais e medioambientais de Galicia seguen os pasos dos funcionarios da Xustiza e esixen á Xunta que sente a negociar para que "lles pague o que lles debe". Así o manifestaron os sindicatos que representan a este colectivo, CIG, CCOO, CSIF e FESP-UGT.

Axente medioambiental
Axente medioambiental | Fonte: Aprafoga.

O malestar é moi grande logo da entrevista que o presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, concedeu a Jordi Évolve no programa 'Salvados' de La Sexta: "Queremos pór de manifesto que mentres na Xunta de Galicia hai cartos para pagar anuncios propagandísticos, como quedou patente recentemente nunha entrevista televisiva na Sexta co presidente da Xunta, e para pagar empresas externas para que fagan o traballo que nos corresponde ao persoal funcionario, os profesionais que na vaga de lumes que sufriu Galicia no mes de outubro do 2017 estiveron ao fronte do operativo no terreo, exercendo de directores de extinción, tal e como é a nosa función, a día de hoxe seguen sen percibir nin un céntimo de euro polo seu traballo case cinco meses despois".

O colectivo denuncia que a Xunta de Galicia fixo "oídos xordos" ás súas peticións, malia que xa advertira en varias ocasións que "ía ser unha campaña de incendios complicada", polo que "se solicitou en varios escritos a renovación dunha orde de horarios que reducise o exceso horario que estes traballadores están sendo obrigados a sufrir", expoñen.

RETOMAR AS NEGOCIACIÓNS

Os axentes forestais e medioambientais esixen á Xunta que retome as negociacións, iniciadas no 2017, coas organizacións sindicais sobre as condicións de traballo destes funcionarios e que "levan paralizadas dende o mes de decembro, por decisión da Dirección Xeral de Función Pública pese que se comprometera a tela rematada o 1 de decembro de dito ano", explican. 

"Cremos que despois de levar máis de dez anos cun acordo de condicións de traballo caducado e totalmente obsoleto é hora de que a Xunta pague o que debe e se sente a negociar cara o futuro", esixen os axentes.

Este colectivo lembra que o efecto do cambio climático está a producir unha desestacionalización dos lumes, producíndose en calquera época do ano e sendo moito máis virulentos e perigosos, tal e como se puido comprobar na vaga do mes de outubro pasado, "cando tras ter rematado o período extraordinario tiveron que activar unha época de alto risco de xeito improvisado, mentres este colectivo actuando de xeito profesional, como xa o ten demostrado en numerosas ocasións, e arriscando a súa integridade para salvar o patrimonio natural galego así como os bens e as vidas da poboación galega, respondeu interrompendo vacacións e libranzas e acudindo de xeito voluntario", manifestan os axentes.

SOLIDARIEDADE COS FOLGUISTAS DA XUSTIZA

Os axentes forestais e medioambientais aproveitan ademais para expresar a súa "solidariedade cos nosos compañeiros/as de Xustiza, que vemos como día tras día teñen que sufrir os desprezos da Xunta, e que incluso teñen que oír como os convidan a marchar de Galicia se non están contentos".

Así, apoian a folga que están secundando pola "falta de diálogo desta Administración", unha "postura esta última que estamos atopando en todos os ámbitos, coma no que estamos a expór, referente aos funcionarios axentes forestais e medioambientais", conclúen.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Dignidade e respecto

Moito ánimo, compañeiros! Os funcionarios de Xustiza tamén estamos con vós. Forza e adiante!