Por Galicia Confidencial | Compostela | 13/03/2018 | Actualizada ás 20:35
Fronte ao sensacionalismo, deontoloxía profesional. Esa é a receita do Colexio de Xornalistas ante o tratamento informativo que se lle está a dar por parte de moitos medios de comunicación ao caso do neno Gabriel, tristemente falecido. Por iso, insiste en lembrar as recomendacións relativas a casos de traxedias que afecten a menores, e chamar ao conxunto da profesión galega a tratar con coidado e respecto este tipo de informacións.
“É importante que os e as xornalistas sigan este tipo de recomendacións para facer un tratamento informativo profesional, responsábel e xusto, que non caia na espectacularización, respecte a intimidade das vítimas e persoas afectadas, sen engadir máis dor á dor, e evite a aparición de mensaxes socialmente irresponsábeis”, apunta nun comunicado.
Neste sentido, lembra tamén que as persoas acusadas dun feito delictivo non teñen suspendidos os dereitos que recoñece o Código Deontolóxico do Xornalismo Galego para toda a cidadanía. “A proliferación de especulacións, a obtención de imaxes de maneira dubidosa ou a inclusión de características étnicas ou de nacionalidade irrelevantes non son compatíbeis co bo xornalismo”, asegura.
O Colexio de Xornalistas tenpublicado varias recomendacións que son de utilidade para un caso como este, como as Recomendacións sobre o tratamento nos medios dos casos de violencia que afecten a menores, a Guía práctica para o tratamento informativo de emerxencias, catástrofes e persoas desaparecidas ou a Guía práctica para o tratamento informativo sobre menores.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.