Por Pedro G.-Valadés | Vigo | 08/02/2011
Que unha cidade recoñeza o valor dun dos seus por algunha achega á calquera faceta da vida común, é un dos máis nobres exercicios de civismo que pode manifestar. Recentemente foi presentada -oficialmente e por rexistro no Concello- a petición, a solicitude de que Vigo recoñeza e honre como é debido a un dos seus fillos máis grandes. Se entendemos a grandeza na consecuencia positiva que os actos poidan ocasionar.
Eduardo Martínez Alonso, vigués da rúa Areal, contribuíu durante os escuros anos da posguerra española e durante a II Guerra Mundial, a salvar a milleiros de seres humanos que fuxían aterrorizados da barbarie exterminadora do Holocausto nazi. Milleiros de fuxitivos xudeus de toda Europa, foron acollidos, agochados e trasladados pola rede creada e mantida por este doctor vigués.
Desde a fronteira dos Pireneos ate o rio Miño, pasando por Vigo e Redondela, estas vítimas da barbarie xenocida nazi pola simple condición de seren xudeus, salvaron a súa vida e salvaron a vida dos seus descendentes, grazas a enteireza, a nobreza e grandeza de espírito dun vigués exemplar. Vigo debe recoñecer -aínda que sexa con máis de sesenta anos de retraso-, o seu respecto e admiración por quen foi veciño noso en tempos terríbeis e escuros para a humanidade. Rúa Eduardo Martínez Alonso. Porque hai un dito xudeus que di: “quen salva unha vida, salva un mundo enteiro”. Milleiros de seres humanos débenlle en grande parte a súa vida e a dos seus fillos, dos seus netos, dos seus bisnetos...a un vigués. Vigo débelle un recoñecemento público.