Por E.P. | Santiago de Compostela | 19/03/2018 | Actualizada ás 14:01
A coordinadora nacional de Esquerda Unida, Eva Solla, di non sentirse "aludida" polas críticas do histórico dirixente nacionalista Xosé Manuel Beiras, quen, o pasado sábado durante o plenario de En Marea, censurou a actitude daqueles deputados que se desligan do partido instrumental sendo elixidos por esta organización, o que cre unha "estafa" aos cidadáns que os votaron.
Cuestionada por estas palabras, a tamén deputada de En Marea no Parlamento de Galicia —que non asistiu ao plenario do pasado sábado— negou este luns sentirse aludida polas declaracións de Beiras.
"Non, a verdade é que non. Non me sentín aludida", indicou Solla, que tamén evitou pronunciarse sobre o conclave de En Marea ."Xa dixemos que non fariamos ningunha valoración nin a esta intervención nin a un plenario no que non participamos", insistiu Solla ante as preguntas dos xornalistas.
En concreto, Xosé Manuel Beiras tachou de "inaceptable" que existan deputados electos por En Marea que marquen distancia coa organización. "Sempre fun contrario a medidas disciplinarias, pero haberá que tomalas", engadiu, para logo lembrar que os estatutos definidos na Asemblea fundacional de Vigo establecen a En Marea como "partido instrumental da unidade popular e de afiliación individual".
"NON NOS SENTIMOS ALUDIDOS"
Deste xeito, en referencia a estas palabras do histórico político, Eva Solla incidiu en que nin ela nin Esquerda Unida se senten interpeladas por estas declaracións que, ademais, cre que non xeran "ningún problema".
"Estamos a facer o traballo político que é o que nos compete. Non imos valorar un plenario, un encontro dunha organización da que non estivemos a participar", remarcou, para logo apuntar que "non houbo ningún cambio na posición de EU nos últimos tempos".
Tamén foi preguntada pola chamada á unidade pronunciada polo portavoz de En Marea, Luís Villares, que instou a que ningún dos promotores da organización quede "fóra" para facer avanzar o proxecto.
"Seguimos apostando pola confluencia, polo diálogo nas organizacións políticas e polas mareas municipalistas das que formamos parte; e non hai máis nada que trasladar", concluíu Solla nunha rolda de prensa na que até en cinco ocasiones declinou pronunciarse sobre o sucedido o pasado sábado.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.