Por X.M. Fernández | Arbo | 26/04/2018 | Actualizada ás 16:00
A prestixiosa Arbomostra, Feira Agroindustrial e Artesanal da Bisbarra do Condado-A Paradanta, abre o ciclo de actividades e contará cunha importante representación de adegas acollidas á D.O. Rías Baixas. Ademais de coñecer as últimas novidades do sector agroindustrial poderase aproveitar este encontro para a degustación de lamprea e viño a prezos populares e tamén se poderán observar lampreas vivas en viveiros instalados para a ocasión.
A inauguración oficial terá lugar ás 17.30 h. con pasarrúas musical posterior e xa ás 20.30 h a Gala da Lamprea no Auditorio do Centro Multiusos de Arbo. Amenizará o evento Andrea Pousa e o Bruxo Queiman. Xa pola noite, concerto de Pelepau na Praza do Mercado e a orquestra Olympus na Praza do Consistorio.
O sábado 28 é o día do Xantar da LVIII Festa da Lamprea onde se dá a coñecer este afamado produto e os viños da zona. Este tradicional xantar, que ten lugar no restaurante “Os Pirús”, é o acto central do evento e sitúa no ano 1961 a orixe desta celebración converténdoa na festa gastronómica máis antiga de Galicia. Esta xuntanza de veciños, restauradores e propietarios de adegas supuxo a primeira edición coa intención final de exaltar lamprea e os viños. Dende aquela Arbo celebra de forma ininterrompida esta festa, a máis importante do ano para a vila e co distintivo de Festa de Interese Turístico Nacional.
Na programación da fin de semana destaca a variada oferta musical coa presenza de numerosas bandas de música, charangas e agrupacións folclóricas. A Banda de Música Municipal de Arbo fará un pasarrúas e posterior concerto o sábado 28 na Praza Consistorio ás 19.30 h.
O domingo, día de peche da Festa da Lamprea, ademais de charangas e agrupacións tradicionais haberá unha actuación de Andrea Pousa e o Bruxo Queiman en Arbomostra arredor das 19.00 h. e exhibición do grupo de baile Megadance de Arbo na praza do Consistorio ás 20.30 h.
Para amenizar as verbenas de sábado e domingo interesantes orquestras e concertos dos grupos Supernatural e X-Matone o sábado e Tekila o domingo.
A programación completa e detallada está disponible na web do concello.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.