Por Galicia Confidencial | Compostela | 26/04/2018 | Actualizada ás 15:27
O Goberno galego está disposto a premiar aos propietarios de terreos que lindan con núcleos de poboación e que teñen piñeiros, eucaliptos ou acacias. Quere que substitúan estas especies por carballos ou castiñeiros na franxa de 50 metros que están obrigados a respectar por lei para evitar os perigos dos lumes en casas e lugares habitados.
No Consello da Xunta deste xoves aprobouse un paquete de sete millóns para impulsar a reforestación dos montes galegos con especies de frondosas e coníferas, fronte ás especies invasoras como o eucalipto. Esta achega é a maior feita nos últimos anos.
De feito, Feijóo lembrou que nos últimios dous anos reforestaronse con especies autóctonas un total de 5.600 hectáreas grazas a axudas públicas que recibiron, sobre todo, comunidades de montes. Na axuda deste ano, as subvencións aumentaranse ata as propiedades de 150 hectáreas e tamén poderán acollerse a elas os propietarios de fincas que teñan que cumprir a franxa dos 50 metros e que teñan, como mínimo, unha hectárea de finca.
O obxectivo do Goberno galego con esta nova liña de axudas é impulsar a diversidade forestal e a posta en valor do monte galego. Estarán en vigor ata o 15 de outubro de 2019.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.