A Plataforma Feminista Galega ao ministro Catalá: “É hora de que o estado asuma a súa responsabilidade”

Entre outros puntos demandan ao ministro de Xustiza que a reforma debe incluír a “penetración sen consentimento” como violación.

Por Galicia Confidencial | Santiago | 01/05/2018 | Actualizada ás 12:08

Comparte esta noticia

Nunha carta aberta ao Ministro de Xustiza, Rafael Catalá, a Plataforma Feminista Galega, PFG, chama a atención ao político sobre a súa falta de memoria.“Como ao parecer nen vostede nen o partido que o nomeou Ministro de Xustiza teñen memória vémonos na obriga de lla refrescar porque as si feministas temos memoria”.

Concentración en Santiago de Compostela contra a sentenza que exculpa aos integrantes de 'La Manada' dunha flagrante violación.
Concentración en Santiago de Compostela contra a sentenza que exculpa aos integrantes de 'La Manada' dunha flagrante violación.

Logo de que Catalá declarase que as leis deberían axustarse á realidade, a PFG di no seu documento: “Xa no ano 2015 as oganizacións feministas que nos manifestamos no 7N pediamos que se desenvolvera e implementara o Convenio de Istambul así como o cumprimento das recomendacións da CEDAW e que a lei 1/2004 fora reformada para que todas as formas de violencia contra as mulleres estiveran reflectidas nela”.

Nese mesmo ano de 2015, o PP reformou o código penal. Daquela as organizacións feministas esixiran a definición legal de violación como a ausencia de consentimento. “Esta definición non é que se nos acordara ás feministas por casualidade senón que é o que esixe o Convenio de Estambul sobre Violencia contra la Mujer que entrara en vigor de forma xeral e para o Reino de España o 1 de agosto de 2014”. Este convenio é considerado o marco xurídico máis completo até hoxe para combater a violencia contra as mulleres e nenas. Obriga aos países asinantes a considerar como violación "a penetración non consentida, con carácter sexual, do corpo doutra persoa con calquera parte do corpo ou cun obxecto", haxa ou non haxa violencia. Segundo isto a FPG di que  “esa reforma do Código Penal non contemplou ningunha medida para que as mulleres estivésemos mais protexidas fronte a violencia porque para o goberno do PP iso non era urxente”.

A PFG considera que sen a reforma que solicitan é doado que existan sentenzas como o caso de “La Manada”. Así pois “temos mulleres desprotexidas por un goberno machista, que permite unha lexislación na que recae en nós a responsabilidade de protexernos dunha violación, cando os estudos demostran que un 70% sofren parálise involuntaria durante a agresión”. Tamén lle lembran a Rafael Catalá que no pacto de Estado contra a Violencia de Xénero hai 119 medidas que precisan financiamento e que son inviables por falta de orzamento. “O Partido Popular e Ciudadanos romperon o Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero ao non dotalo de medios económicos”.

Sobre as palabras do ministro Catalá que o CGPJ debera ter actuado contra o xuíz que emitiu un voto particular, e considera que ten un problema singular, a PFG di “ese problema é o machismo e a misoxinia e non é o único que adoece destes males. A Lei Contra a Violencia de Xénero esixe formación dos xuices e xuízas e o goberno considera que 8 horas de formación son suficientes”.Tamén consideran sorprendente “que considere responsable de manter no cargo a un xuiz “problemático” ao CGPJ, Catalá esquece que a maioría dos seus membros son elixidos polo PP e mesmo son membros do seu partido”. Nese sentido tamén apuntan ao presidente do CGPJ, “o propio Lesmes ocupou cargos en gobernos do PP”.

Por último, a PFG apunta que “se busca responsables Señor Catalá, búsqueas no seu propio goberno. Súa é a responsabilidade de que non se reformase o Código Penal, de que os xuíces non teñan formación en Violencia de Xénero, da saturación dos xulgados, de que non se presupostasen medios contra a Violencia Machista. O exercicio de hipocrisía que está a facer coas súas declaracións insulta a nosa intelixencia. É hora de que o estado asuma a súa responsabilidade”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Dele

Non se pode dicir máis claro. ¿Por qué o ministerio de facenda ten tantos medios e o de xustiza tan poucos? Para cobrar aos cidadáns e prometer servizos e xustiza van a toda velocidade. Para dar servizos e administrar xustiza real xa é outra historia. O goberno funciona como unha empresa privada. O seu modelo de negocio consiste en cobrar polos servizos e despois intentar por todos os medios non dalos.