Por Xesús Veiga | Compostela | 05/05/2018
Dous exemplos recentes poden ilustrar o sentido da devandita afirmación.A recente sentenza ditada pola Audiencia de Navarra traslada unha mensaxe moi perigosa para a vida das mulleres:se algunha ten que vivir unha situación análoga á padecida pola rapaza vítima do ataque sufrido en Xullo de 2016 deberá arriscar a súa vida se non quere que a súa actitude sexa considerada como consentidora (voto particular do maxistrado Ricardo González) ou de non suficiente envergadura para establecer a existencia dunha intimidación contra ela.A lóxica que destila esta decisión xudicial non pode ser mais nociva:ademais do despróposito que supón non aplicar a figura legal da agresión sexual (ou violación) para encaixar o sucedido aquel día nas rúas de Pamplona, coloca ao poder xudicial fora dos valores de igualdade defendidos nos últimos anos pola maioría das mulleres e unha parte significativa da poboación masculina.
Por outra banda, todo o sucedido no “affaire” Cifuentes é un catálogo de prácticas non compatíbeis co nivel que se debe esixir aos representantes públicos nunha democracia de calidade no século XXI.Se resultou escandalosa a negativa da ex-presidenta a presentar a dimisión despois de que foron públicas as irregularidades cometidas na obtención dunha titulación académica na URJC non menos grave resultou o procedemento mafioso utilizado para forzar a súa retirada (o vídeo gravado no Eroski vallecano no 2011).Para rematar a colección tóxica, o PP aceita que Cifuentes manteña o seu escano na Asemblea de Madrid.A conclusión é propia dun esperpento valleinclanesco:a mesma persoa que non está en condicións de seguir presidindo o goberno autonómico, pode, en troques,manter o seu posto de deputada.Semella que, para Rajoy e os dirixentes da rúa Génova, o nivel de esixencia ética para formar parte das cámaras parlamentarias está baixo mínimos.
Nos vindeiros meses, o corpo electoral será convocado ás urnas (municipais, europeas e, nalgúns territorios, autonómicas).Tratase dunha oportunidade para comprobar a vontade realmente existente na cidadanía para censurar os comportamentos dos seus representantes.Co que levamos visto, non se poderá alegar ignorancia.