Cales son as comarcas de Galicia que máis crecen?

Un estudo sobre as dúas décadas entre 1994 e 2015 recolle un envorco nas firmas que máis facturan, pois Inditex pasou xa claramente a PSA.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/05/2018 | Actualizada ás 15:10

Comparte esta noticia

As comarcas da Ulloa (Lugo), A Coruña e Terra de Trives (Ourense) foron as que máis creceron na riqueza que xeran as súas empresas nas dúas décadas que van de 1994 a 2015, posto que o fixeron en máis do 600%, ou, o que é o mesmo, multiplicaron por sete ese valor.

Sede de Inditex en Arteixo
Sede de Inditex en Arteixo | Fonte: galipedia

Así o reflicte un estudo que analiza, en concreto, a evolución do valor engadido bruto (VAB) --riqueza xerada, sen contar retencións-- das compañías neste período. O informe foi realizado polo servizo de información empresarial Ardán e presentouno este martes a súa responsable, Susana Lama, e a delegada do Estado no Consorcio Zona Franca de Vigo (CZFV) --entidade creadora de Ardán--, Teresa Pedrosa.

Esta investigación tamén deu a coñecer que case todas as comarcas galegas aumentaron a súa VAB no período analizado. A única que non o fixo foi, segundo precisou Pedrosa, Viana do Bolo (Ourense), debido, nas súas palabras, á súa localización.

Neste sentido, o conxunto do tecido empresarial galego alcanzou un crecemento do VAB do 312%, mesmo por encima do PIB da comunidade, que o fixo nun 128%. Iso significa, segundo apuntou Pedrosa, que o conxunto das empresas con sede social en Galicia xerou máis do dobre de riqueza que o resto de sectores --o estudo non inclúe o sector público, entidades financeiras, de seguros ou sociedades cuxa sede social está fóra--.

PSA E INDITEX

En 1994, PSA Citröen de Vigo situábase como a empresa que máis facturaba, con 2.221 millóns de euros, mentres que Inditex ocupaba a segunda posición, con 494 millóns de euros.

Susana Lama, de Ardán, e Teresa Pedrosa, do Consorcio Zona Franca de Vigo
Susana Lama, de Ardán, e Teresa Pedrosa, do Consorcio Zona Franca de Vigo | Fonte: Europa Press

No entanto, en 2015, o grupo de Amancio Ortega aumentou os seus ingresos até os 8.118 millóns de euros, o que a converteu na entidade que máis creceu durante eses 21 anos e que acapara sete do dez empresas que máis riqueza xeran en Galicia --Zara, Bershka, Tempe, Massimo Dutti, Stradivarius e Pull&Bear--. En segunda posición situouse PSA, con 5.406 millóns de euros.

Por sectores, os que presentaron o maior aumento do VAB entre 1994 e 2015 foron o téxtil, cun 1.580% máis; o de artigos de consumo, cun 458%; e o de servizos profesionais, cun 412%.

A Coruña foi a única provincia na que a riqueza bruta xerada polas empresas aumentou por encima da media galega, cun incremento do 524%. Seguen a esta Lugo, cun 173%; Ourense, cun 152%; e Pontevedra, cun 145%.

Na comarca de Santiago, o VAB aumentou nun 197%, unha cifra notablemente inferior ao crecemento galego. Ademais, Pedrosa apuntou que o peso desta área xeográfica no conxunto empresarial da comunidade perdeu un 2%. Respecto diso, precisou que hai que ter en conta que o estudo non conta cos datos do sector público, con elevada implantación na capital galega.

EMPRESAS ARDÁN

O estudo tamén recolle a evolución das "mellores empresas" de Galicia, segundo os indicadores Ardán. Tal e como explicou Lama, estas son variables desenvolvidas en 2006 que identifican aquelas firmas con "mellores resultados" en aspectos relacionados coa xestión empresarial, como a competitividade, a innovación e a produtividade, entre outros.

Así, a provincia de Pontevedra é a que acolle máis empresas que dispoñen dalgún destes distintivos, con 609 compañías --un 60% máis que en 2006--, seguida da Coruña, con 564 entidades --un 11% máis--; Lugo --un 28% máis--, con 174; e Ourense, con 134 --un 38% máis--.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Sham Pam

PSA non ten a sede social en Galiza senón en Madrid. Polo tanto comparalo con Inditex é unha solemne tontería e se o estudo é igual de serio no resto non falemos máis. Seguro que ademais foi subvencionado con diñeiro público.