Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/05/2018 | Actualizada ás 13:00
A plataforma cidadá Queremos Galego, composta por máis de 500 colectivos sociais de todo tipo, presentou o acto final da manifestación para o 17 de maio —Día das Letras Galegas— baixo o lema 'En galego día a día'. A manifestación percorrerá as rúas de Santiago após saír ás 12,00 horas da Alameda. O portavoz de Queremos Galego, Marcos Maceira, acompañado de Nieves Rodríguez e membros da xestora da plataforma cidadá, deu a coñecer diversos actos nas comarcas galegas para informar da marcha.
No sitio web www.queremosgalego.gal figura toda a información dos autobuses a disposición de todas as persoas que desexen acudir a Santiago de Compostela a impulsar a "plena normalización" da lingua galega. Os autobuses partirán desde máis de 20 localidades, desde Ribadeo até A Guarda.
O día a día é, para Queremos Galego, "o que consegue manter viva unha lingua que non só non conta con amparo institucional, senón que recibe desamparo e agresividade sistemática, tal como mostran decisións como a desaparición do Diario Cultural", programa da Radio Galega.
Co lema 'En galego día a día', a plataforma cidadá pretende reivindicar o apoio social "crecente" á lingua galega que, ao seu xuízo, "contrasta coa actitude da Xunta de Galicia, que mantén un 155 lingüístico de facto", comparando a situación do idioma galego coa situación que se vive en Cataluña trala aplicación deste artigo da Constitución española, deseñado para suspender a autonomía das comunidades.
Segundo indicou Marcos Maceira, "en Galicia é o propio Goberno galego, co presidente Feijóo á cabeza, quen actúa como un vulgar delegado do Goberno español, renegando das funcións que lle dá o estatuto de autonomía e da alta representación de Galicia que debería exercer".
Como consecuencia, sinalou, "o galego é o único idioma oficial do Estado que diminúe en falantes e carece de apoio do seu propio goberno".
Para Nieves Rodríguez, presidenta da Asociación de Actores e Actrices de Galicia, é necesario reivindicar a lingua porque "as linguas non supoñen ningunha barreira e menos o galego en Galicia". "Como comunicadora que son non podo máis que defender a miña lingua", subliñou.
ACTO FESTIVO E REIVINDICATIVO
O 17 de maio, a manifestación de Queremos Galego será un acto festivo e reivindicativo a prol da lingua galega. Participarán centos de colectivos e entidades de ámbitos diversos que teñen en común a defensa do idioma propio de Galicia.
Maceira resaltou tamén que "son miles as persoas que demandan cambios que garantan a presenza da lingua propia de Galicia en todo e para todo".
A marcha terminará na praza da Quintana, onde Rodríguez conducirá o acto final. Haberá lectura do manifesto 'En galego día a día' por persoas destacadas de diferentes ámbitos como a xustiza e a administración.
Ademais, actuarán Franki e os labregos da linguaxe co rap 'Rapea, que a lingua non para', que é o gañador do 'Correlingua 2018'. Estudan no IES Antón Fraguas de Santiago de Compostela e son, para Queremos Galego, "un exemplo de que o galego ten futuro".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.