Un 15,7% das embarazadas galegas fuma

Un estudo feito pola Universidade de Santiago mostra que as fumadoras teñen un nivel de estudo inferior, parella fumadora, menor conciencia dos efectos do tabaco, non pensan dar o peito aos seus bebés e presentan maiores niveis de ansiedade, tensión e depresión.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 20/06/2018 | Actualizada ás 15:19

Comparte esta noticia

O 15,7% das mulleres embarazadas en Galicia fuma, poñendo en risco non só a súa propia saúde, senón tamén a dos seus fillos. Así o alerta un estudo realizado por investigadoras da Facultade de Psicoloxía da Universidade de Santiago de Compostela (USC), co obxectivo de avaliar a prevalencia do consumo de tabaco e as variables que se relacionan con este nunha mostra de embarazadas no primeiro trimestre de xestación.

Embarazadas fumando e bebendo alcol
Embarazadas fumando e bebendo alcol | Fonte: Andrew Vargas en Flickr.

Carmen Míguez e Beatriz Pereira realizaron un estudo  observacional transversal cunha mostra constituída por 760 mulleres embarazadas, nas consultas das matronas de sete centros de saúde da área sanitaria de Santiago de Compostela (Galicia, España), de maneira consecutiva ata alcanzar un tamaño de mostra representativo da poboación de xestantes de Galicia.

Os resultados indicaron que a prevalencia do consumo de tabaco foi do 15,7%. Ademais, observaron diferenzas relevantes entre embarazadas fumadoras e non fumadoras, destacanco que unha maior porcentaxe de fumadoras respecto das non fumadoras non ten estudos universitarios (70,6%  vs. 40,7%), ten parella fumadora (65,5  vs. 24,0), ten menor conciencia dos efectos do tabaco (65,5%  vs. 24,0%), non pensan dar o peito aos seus bebés e presentan maiores niveis de ansiedade, tensión e depresión.

Outro dato interesante é que esa prevalencia do 15,7% entre as embarazadas é inferior aos datos da poboación xeral de mulleres de España, cuxa prevalencia de consumo se sitúa nun 23%-30%. Esta diferenza, segundo as investigadoras, débese a que unha porcentaxe de mulleres deixa de fumar ao tentar quedar embarazadas ou ao confirmar o seu embarazo. 

Así, se ao calcular a prevalencia de consumo de tabaco tamén se consideran aquelas mulleres que deixaron de fumar por mor do seu embarazo, a porcentaxe sería similar á da poboación xeral, situándose nun 27,7%. Por tanto, os datos, segundo as investigadoras, confirman o feito de que o embarazo motiva as mulleres a deixar o consumo de tabaco.

Da mostra total, tamén atoparon que das emabarazadas que fumaban, un 56,4% destas continúan consumindo tabaco.

PERFIL DAS FUMADORAS

Respecto das variables que se asociaron ao consumo de tabaco no embarazo, atopouse relación con non ter parella.

En canto ao nivel educativo, non ter estudos universitarios tamén se relacionou con fumar; de feito, as fumadoras teñen unha percepción máis baixa do risco que supón fumar.

Polo que respecta ás variables relacionadas co embarazo, relacionouse con fumar o non planear o embarazo e non ter pensado dar o peito ao bebé.

Por outro lado, aínda que se obervou que unha das variables que diferencia as mulleres que se manteñen abstinentes no postparto é a duración da lactación, os datos deste estudo expoñen que no caso das fumadoras xa existe a intencionalidade de non dar o peito, probablemente, din as investigadoras, para protexer o bebé da nicotina.

 

A presenza doutros fumadores no fogar, e que a parella sexa fumadora, tamén se asociou con fumar, sendo esta última  predictora do consumo.

Nas súas conclusións, as investigadoras alertan de que o consumo de tabaco no embarazo continúa sendo un problema importante que se ve influído tanto por variables sociodemográficas e relacionadas coa saúde, como por variables psicolóxicas.

Os resultados desta investigación veñen de publicarse na Revista Española de Salud Pública, nun estudo titulado 'Prevalencia y factores de riesgo del consumo de tabaco en el embarazo temprano'.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Beatriz Santos

Hola, esperemos que las mujeres embarazadas que fuman dejen de hacerlo definitivamente, ya que la salud de su futuro hijo/a está en juego. Un Embarazo saludable ha de ser sin riesgo para el feto y nuestro futuro bebé. Fumar no debe ser una opción para ninguna mujer embarazada. Un cordial saludo.