Marcha en Santiago contra un vertedoiro de lixo clausurado pero que aínda ten actividade

Foron, sobre todo, veciños afectados polo vertedoiro de Grixoa que piden "solucións" ás administracións.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/06/2018 | Actualizada ás 19:18

Comparte esta noticia

Un cento de veciños das zonas afectadas polo vertedoiro de Miramontes, nos arredores de Santiago, realizaron unha camiñada desde Grixoa até o centro histórico da capital galega para reclamar "solucións" á Xunta e ao consistorio compostelán.

Manifestación de veciños afectados polo vertedoiro de Miramontes
Manifestación de veciños afectados polo vertedoiro de Miramontes | Fonte: Europa Press

A camiñada, na que un grupo de nenos portou a pancarta que abría a marcha, concluíu ao fío do mediodía do sábado na Praza do Toural, onde os participantes proferiron cánticos como "Santiago esperta, o lixo está preto" ou "Non máis vertidos nin contaminación".

Os veciños afectados polo vertedoiro de Miramontes reclaman o peche das instalacións polos problemas ambientais que ocasiona, ao que se suman os "danos" que deixan nas estradas da zona os vehículos de alta tonelaxe que transportan os residuos e os malos cheiros que provoca nas parroquias de Grixoa e A Valiña.

Deste xeito, a plataforma veciñal contra o depósito de residuos reclaman o peche das instalacións e a rexeneración da área. Para iso, piden a intermediación da Consellería de Medio Ambiente como administración con competencias para clausurar o vertedoiro.

O departamento que dirixe Beatriz Mato emitiu no principio do ano un informe no que sinalaba os "incumprimentos" das empresas que explotan a antiga canteira de Miramontes, reconvertida en 2008 nun depósito de residuos industriais para a súa rexeneración a través plan de restauración mediante a creación dunha planta de tecnosuelos.

Así, en febreiro deste ano, Medio Ambiente clausurou a planta ao constatarse varias verteduras de lixiviados. Días máis tarde, o Concello de Santiago procedeu á revogación das licenzas de uso e obras das empresas que explotan a antiga canteira.

No entanto, os veciños denuncian que o problema persiste, polo que piden o cesamento definitivo da actividade e a rexeneración da área dun vertedoiro que se atopa a apenas seis quilómetros do centro histórico da capital galega.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta