Todo o que debes saber sobre as herbas de San Xoán para liberarte dos maleficios

A noite do 23 de xuño, na que os trasnos andan soltos, é importante coñecer os rituais para liberarse de feitizos. É ben sabido que saltar o lume dá boa sorte, pero non queda a cousa aquí: as chamadas "herbas de San Xoán" tamén teñen propiedades máxicas para quitar o mal de ollo. Aquí explicamos como tratar con elas.

Por Uxía Iglesias | Santiago de Compostela | 22/06/2018 | Actualizada ás 10:19

Comparte esta noticia

A do San Xoán é unha das festividades máis populares de Galicia, e vén sempre cargada de simbolismo e de rituais moi arraigados á nosa tradición máxica e supersticiosa.  “A noite de San Xoán libera meigas e feitizos, é noite ambivalente, na que se establece una tensión simbólico-agónica entre os axentes do mal e as persoas, quedando abolida mesmo a confianza interpersoal”. Non faltan para ela nin explicacións académicas coma esta, de Xosé Manuel González Reboredo, un antropólogo autor do libro 'A festa de San Xoán'

E é que nesta noite, os trasnos andan soltos e non atenden a orde ningunha. Gobérnaos a anarquía, e polo tanto, hai que protexerse deles mediante rituais dos que o lume, a auga e as herbas son as protagonistas máis inmediatas. A festa do San Xoán é a celebración pagá do solsticio de verán por excelencia, pero cando a Igrexa foi espectadora do que nesta noite acontecía, “todas as prácticas foron perseguidas pola institución, que ao non verse capaz de acabar con elas, decidiu adxudicarlle a San Xoán poderes máxicos que nos liberaran dos maleficios”. Así o conta Amancio Castro, un profesor xubilado de Ciencias Naturais que é unha eminencia no tema que nos ocupa.

As herbas de San Xoán
As herbas de San Xoán | Fonte: Pinterest

No día máis longo do ano, poucas casas quedan sen prender unha fogueira, por cativa que sexa. Costumes coma este vólvense fortes cando son tan importantes mesmo a nivel persoal. E as sensacións nesta noite están a flor de pel. “En terras da Terra Cha atópase unha boa carga emocional nesta festa, nesta noite de San Xoán, de ilusións e esperanzas que se aferran ao transcendente e inesperado”, recolle Mero Iglesias, mestre e escritor, nun dos seus traballo de campo. Unha noite na que a terra se ilumina de pinchiñas vermellas esparexadas por todo o país. “O lume, na nosa cultura tradicional, é un ser vivo que nos purifica. O encantamento que produce cando para el miramos é a constatación máxica do seu engado, as muxicas, o multiformismo das lapas, a calor e a luz que desprenden ao seu redor, o movemento constante das tonalidades de sombras e escuros, de luces e brillos, de fumes que esvaecen lentamente en formas e ondulacións que nos engaiolan”. E vaia se engaiolan... Por iso sempre queremos avivalo.

Pero esta noite non é só para o lume. Poida que sexa a tradición máis coñecida, pero hai moitas outras que cadaquén pode levar a cabo na súa casa se quere liberarse de males e rematar ben o ano. As herbas e a auga andan metidas no allo.

AS HERBAS MÁXICAS DE SAN XOÁN

As herbas de San Xoán son unhas cantas plantas que dende lonxe se teñen empregado para quitar o mal de ollo nesta noite máxica. E así segue sendo para quen crea no meigallo. A tradición di que hai que collelas con tino, metelas en auga de sete fontes e deixalas ao orballo. Á mañá seguinte cómpre lavar ben a cara con esa auga recendente e deixala secar ao aire. “Hai a crenza de que suavizan a pel e evitan maleficios nela durante todo o ano”, conta Mero Iglesias.

Os cloques ou miliclocas
Os cloques ou miliclocas | Fonte: floresypalabras

“Dannos unha fermosura estupenda”, di pola súa banda Amancio algo retranqueiro. Sabe ben do que fala: alá polo 2009 comezou a facer un curioso percorrido polas sete parroquias sobre as que pasa o río Gafos, en Pontevedra. En cada parada conversou con veciñas ás que acompañou no ritual de recoller as flores de San Xoán. Deste curioso traballo de campo tirou información ben interesante: “hai máis de 41 herbas diferentes que se empregan para facer o cacho, porque é unha tradición doméstica: cada casa fai da súa maneira e busca as herbas que máis lle conveñen”.

Pero o certo é que todas elas comparten unhas cantas calidades de seu. “Florecen no solsticio de verán, adoitan ser aromáticas e teñen propiedades medicinais”. Paula Miranda, educadora ambiental, tamén as coñece ben. Mais a cousa non queda aquí. O curioso é que ademais de propiedades medicinais, tamén as teñen máxicas. Se xa as posúen en calquera momento do ano, esta noite atribúeselles un poder especial polo vigor engadido que lles dá a forza do solsticio do verán e a forza do orballo da noite. Así pois, que maceren ao rocío é algo a ter moi en conta: Amancio di que “o orballo se entende como a santificación que San Xoán lles dá a estas herbas. Se non cae o rocío por elas, entrarían dentro do mundo da bruxería”.

Xa hai ben tempo, o historiador e etnógrafo Taboada Chivite recolleu unha longa relación de herbas que se empregan nesta noite de San Xoán para purificar a alma: o fiúncho, a herba luísa, o romeu, a malva, o codeso, a abeloura ou herba de San Xoán, o poenxo, as manzanillas silvestres, o tromentelo, os chuchameles, os pétalos de rosas... son algunhas dunha longa lista que segue e segue. “E tamén folliñas de figueira, laranxeira ou nogueira”, engade Amancio. Cadaquén pode engadir aquelas que vaia atopando polo monte adiante ou na porta da súa casa. Todas elas han ser, cando menos, recendentes.

COMO SE FAI O CACHO, E OUTROS SABERES

Este ritual de coller as flores e herbas e botalas en auga do río ou da fonte –de sete fontes, para os máis fieis á tradición– coñécese como “facer o cacho”. Precisamente chámaselle cacho a ese recipiente de boca ancha onde se deixan as flores macerar ao orbano da noite máxica. Pero ollo: para facer o cacho debemos ter presente que algunhas herbas poden ser velenosas ou perigosas. “Unhas veces se se empregan herbas descoñecidas das que non se sabe a composición, ou ben polas substancias que teñen ou por empregalas en exceso. A herba que chaman 'amorespequenos' ou tamén coñecida como 'herba de San Guillerme', é moi fermosa e está á beira de moitos camiños altos, recende ben e empregábase como purgante para as dores baixas intestinais. Pero hai que ter tino, pois é moi adstrinxente”, ten recollido Mero Iglesias.

Tal tradición é típica sobre todo das aldeas. Mais a cidade tampouco escapa destas crenzas. Amancio di que “en Pontevedra, xa dende o século XIX, sempre se venderon ramos feitos na praza do peixe, no mercado. Xeralmente non había hortas e a xente, de paso que facía a compra, levaba un ramiño de herbas para facer o seu cacho”. Daquela os montes debían estar máis sans ca agora. “Os lumes afectaron moito a todas estas herbas. Algunhas faltan porque adoitan ser rastreiras e aromáticas, entón arden moi ben e lévalles anos volver rexenerarse”.

En todo caso, o seu poder vai máis alá. Se queremos saber quen será o noso amado ou amada, ou que sorte está tendo ese ser querido que faleceu, as herbas de San Xoán tamén son o remedio. A tradición di que se metes unhas folliñas debaixo da almofada soñarás co teu pretendente; e tamén di que se as penduras do leito podes saber, en función de se secaron ou non á mañá seguinte, como está esa persoa ausente.

Hai quen as colga nas portas da casa. Neste caso, normalmente póñense chuchameles ou cloques. “Non é un ritual tan común, pero pola zona de Lugo séguese empregando para se defender do mal de ollo e das meigas. E ás veces mesmo se poñen nas cortes para protexer os animais”, conta Amancio. Segundo Reboredo, “o vexetal, símbolo da forza rexeneradora da natureza, ponse así ao servizo do mundo cultural para protexer precisamente esa unidade social, económica e cultural fundamental da Galicia non urbana que é a casa”.

ROTEIRO PARA RECOLLER AS HERBAS Á BEIRA DO SAR

Quen estea preto de Compostela ten a oportunidade de coñecer e recoñecer todos estes saberes populares. O Centro de Interpretación Ambiental de Compostela organiza para hoxe, venres 22 de xuño, un roteiro para a rapazada máis cativa e público familiar. E mañá, no propio día, volverase celebrar outro para os adultos.

A actividade comeza no propio centro, e a partir de aí, faranse unhas cantas paradas dedicadas a cada un dos elementos da festa: o lume, a auga e as herbas. Pasando pola fonte da colexiata do Sar, o roteiro remata no río. “Alí intentaremos aprender a recoñecer as herbas de San Xoán e saber cales son as súas propiedades. Tamén poñeremos en valor as brañas do Sar”, di Paula Miranda, unha das coordinadoras do roteiro. Ao acabar, impartirase na Praza de Mazarelos un obradoiro onde cadaquén pode coller o seu ramallete de flores e facer o cacho na casa.

“O obxectivo da xornada é manter as tradicións, transmitir esas expresións culturais para que sigan vivas e conservar o patrimonio inmaterial tan rico que temos e que forma parte de nós. Tamén queremos conectarnos coa natureza, coñecer as plantas aromáticas e medicinais e non deixar que toda esa sabedoría se perda”. E para gardar e coidar as tradicións de noso, o mellor sempre é practicalas...

NON É SÓ UN RITUAL

Hai ben motivos para facelo. “Non se trata só dun ritual antigo que vén lambernos as feridas do pasado, senón lembrarnos, unha vez máis, quen somos e como debemos ser”, recolle Mero. “Hai que queimar os demos e as malas bruxas, os corruptos, os abusóns, os aproveitados, os traidores, os que apropian do alleo ou que sementan odio e rancor. Eses seres que nos impiden ser e comportarnos como persoas, capaces de mellorar o mundo”. Así pois, a noite do 23 é a mellor cita para arredar o malo e quedar co que nos enriquece. A tradición é sabedora e o medo é libre, quen sabe o que acontecerá se non se respecta?

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta