Temas: FíSICA XENEBRA

Docentes galegos fórmanse no maior laboratorio de investigación física en Xenebra

Volverán ás aulas galegas con ferramentas e moitos coñecementos sobre física, enxeñería e computación para fomentar as vocacións científicas dos estudantes.

Por GC Emprende | Santiago de Compostela | 28/06/2018 | Actualizada ás 13:32

Comparte esta noticia

Catro docentes galegos asisten do 24 ao 29 de xuño a un programa de formación de alto nivel na sede do CERN (Organización Europea para a Investigación Nuclear), en Xenebra, co obxectivo de ampliar a súa formación en física, enxeñería e computación. Así pois, aprenden ferramentas para que, unha vez que regresen a Galicia, poidan levar este coñecemento de volta á aula, e fomentar así as vocacións científicas e tecnolóxicas entre os seus estudantes.

Os profesores que participan no programa
Os profesores que participan no programa | Fonte: Viaqua

Estes docentes proceden de Santiago de Compostela (IES Arcebispo Xelmírez I e Instituto Plurilingüe Rosalía De Castro) e Ponteceso (IES Eduardo Pondal). A maiores, tamén asisten profesores doutras comunidades que puideron viaxar ao maior laboratorio de investigación en física de partículas do mundo a partir da iniciativa de Viaqua e a súa Fundación Aquae. O obxectivo é fomentar as vocacións científicas entre os estudantes e axudar ás escolas a establecer vínculos directos co CERN. Un informe de Educa 20.20, baseado nunha enquisa realizada en 2017 a 12.000 estudantes de 16-20 anos, revela que en España só un 10,5% dos estudantes elixirá graos de ciencias, unha cifra que contrasta coas necesidades reais do mercado laboral. Unha realidade que Viaqua pretende mudar con este proxecto.

UNHA CIENCIA MÁIS PRÓXIMA AO ALUMNADO

Segundo sinala David Calle, membro do Consello de Estratexia e Supervisión de Fundación
Aquae e impulsor da plataforma educativa Unicoos, "a moitos estudantes a ciencia asústalles
e dado que vivimos nunha sociedade totalmente tecnificada é clave que a comprendan. Para
conseguilo, téñena que ver próxima. Neste sentido, esta experiencia no CERN supón para
estes profesores unha oportunidade única de descubrir novas formas para inspirar e motivar
aos seus alumnos no achegamento ás materias de Ciencias".

Dirixidos por Jeff Wiener, director de S' cool Lab (programa de ensino para profesores do CERN), os mestres bolseiros están a afondar, a través de clases maxistrais, conferencias, obradoiros prácticos, sesións de discusión e exposicións, no coñecemento da física de partículas, a computación, os antiprotones que se producen na Fábrica de Antimateria do CERN, a física de neutrinos, a cosmología ou os aceleradores como o Sincrociclotrón, que utiliza potentes electroimanes para acelerar partículas cada vez máis pesadas e a velocidades crecentes.

"Saber de ciencia axúdanos a resolver problemas que nos afectan a todos. En calquera estudo científico os límites que tentamos superar son feitos e posibilidades para afrontar novos retos. Por exemplo, xa se está utilizando a ionización de partículas para o tratamento do cancro e o proxecto Cloud do CERN está a estudar as nubes e investigando como o cambio climático afecta á nosa contorna", subliña David Calle.

ENTREVISTA CON FÍSICOS DO CERN

Durante esta semana, Fundación Aquae entrevistará a algúns dos físicos e físicas españolas que actualmente investigan no CERN, como Andrea Santamaría, que traballa no acelerador Proton Synchrotron Booster ( PSB); Belén Salvachúa, centrada no sistema de adquisición de datos do detector Tile-Cal no experimento ATLAS/ LHC do CERN; e Héctor García, que traballa na sala de control do Gran Colisionador de Hadrones ( LHC), o maior acelerador de partículas do mundo.

O obxectivo destas entrevistas científicas, que estarán dispoñibles na súa website, é divulgar as investigacións do CERN da man de expertos. "No CERN están a aprender como ensinar aos seus alumnos conceptos da física de partículas como a estabilidade dos núcleos dos átomos, a importancia de quarks e electróns na constitución da materia, da orixe, evolución e estrutura do universo, así como entender como a enxeñería, a informática e a física traballan de maneira constante e común para desenvolver novas tecnoloxías para a cidadanía", explica David Calle, que viaxou ata Xenebra con eles.

Temas: FíSICA XENEBRA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta