"Renfe rise das comarcas de Ferrolterra, Ortegal e A Mariña"

A Plataforma pola Defensa do Ferrocarril Ferrol-Ribadeo denuncia supresión de servizos e retraso en transportes alternativos.

Por Galicia Confidencial | Ferrol | 29/06/2018 | Actualizada ás 18:09

Comparte esta noticia

A Plataforma pola Defensa do Ferrocarril Ferrol-Ribadeo volve denunciar que "Renfe continúa coa idea de expulsar a xente dos servizos, ríndose das comarcas de Ferrolterra, Ortegal e Mariña, xa non só suprimindo servizos, senon tamén retrasando deliberadamente os transportes alternativos, deixando xente tirada nos apeadeiros ou non informando nos teléfonos de información que dispón".

Tren da liña do FEVE
Tren da liña do FEVE | Fonte: change.org

Concretamente, as supresións de servizos destes últimos días foron: dende o día luns 25 non circulou ningún dos servizos Ferrol-Ortigueira das 13:00 horas, Ortigueira-Ferrol das 15:05, Ferrol-Cerdido das 20:00 e Cerdido-Ferrol das 21:40; o día 25, a maiores dos servizos suprimidos a raíz do corte da vía polo incendio dunha unidade 2400 en Moeche, suprimíronse máis de dez servizos. A todo isto, engaden, "en toda esta semana están a suprimirse indisciriminadmente servizos rexionais case imposible de enumerar", e "todo isto motivado por falta de material rodante".

A Plataforma recibiu este venres protestas de varios usuarios que denunciaron que o servizo Ribadeo-Ferrol se fixo por transporte alternativo e que saiu de orixe con 30 minutos de retraso, "cousa insultante, posto que Renfe coñecía con anterioridade que ese servizo non se ía efectuar", censuran.

Sábes que varios usuarios chamaron aos teléfonos de atención de Asturias (aos xefes de Estación, Adif non lles permite informar nin vender billetes) tendo como resposta que descoñecían o tempo que tardaría o transporte alternativo. Varios usuarios denunciaron tamén que "ás veces os buses de transporte alternativo teñen orde de non acceder aos apeadeiros", o cal explicaría as reiteradas protestas de xente tirada nos apeadeiros sen recoller polos servizos de transporte.

"Se isto que relatamos non é expulsar aos usuarios dos servizos, cómo se pode denominar? Se facemos un repaso do motivo da falta de material rodante, vemos que nos últimos meses, das nove unidades destinadas á Base de Ferrol, prácticamente non se superaron tres unidades en servizo en ningún momento, o cal reflexa a situación", expoñen desde a Plataforma pola Defensa do Ferrocarril Ferrol-Ribadeo.

Os denunciantes explican que as unidades que circulan pola súa liña son de tres series distintas: unidades 2400 (ou S524), serie está composta por 8 unidades para todo o ancho métrico, das que 4 están destinadas a Ferrol, e que son as unidades máis vellas en circulación (fabricadas nos anos 80), pero que consideran máis fiables que as máis novas (2700-2900). Estas, "padeceron unha terrible falta de mantemento dende os últimos anos de Feve, e ata hai moi pouco en Renfe", apuntan.

Así, "durante finais do 2017 e xaneiro do 2018 licitouse divido en varios lotes a súa reparación integral, pero a día de hoxe, só hai unha unidade circulando reformada, estando outras tres unidades en talleres a reformar (o normal e racional é ir metendo unha unidade e quitando outra para evitar a caída de servizos por falta de material)".

Para a Plataforma pola Defensa do Ferrocarril "non é comprensible que en 6 meses de contrato só se reformase unha unidade e tampouco que se metan unidades a reformar sen quitar outras reformadas á circulación".

Lembran, ademais, que tamén hai que contar con dúas unidades máis paradas en talleres con avarías importantes. Isto dá como resultado que das 8 unidades só hai 3 en circulación, e csó unha reformada.

Sobre as unidades 2700 (ou S527), subliñan que esta serie está composta por 17 unidades para todo o ancho métrico, das que 3 están destinadas a Ferrol. Son automotores novos (entregados entre os anos 2009-2011) pero arrastran problemas de fábrica que comprometen os servizos a diario.

A plataforma critica que "nunca se lle reclamou a CAF-Sunsundegui (UTE empresa fabricante) responsabilidades, nin se buscaron solucións".

Foi a principios de ano, cando Renfe licitou un contrato de asistencia técnica para mellora da fiabilidade. Curiosamente o contrato recaeu na mesma empresa que fabricou estas unidades con defectos.

"Este contrato cremos que é simplemente para facer tempo, posto que nas Bases de Mantemento obra completa información sobre as avarías destas unidades", din desde a plataforma

No que se refire ás unidades 2900 (ou S529), esta serie está composta por 12 unidades para todo o ancho métrico, das que dúas están destinadas a Ferrol. Son tecnicamente iguais ás 2700, pero só teñen un coche, mentras que as 2700 teñen dous.

Dáse a circuntancia de que as dúas unidades adscritas a Ferrol están fóra de servizo por avarías.

MEDIA DE 3-4 INCIDENCIAS DIARIAS

Todo isto provocou que ao longo do ano 2017 se rexistrase unha media diaria de 3-4 incidencias diarias nos servizos Ferrol-Ribadeo. Unha situación que, lamentan dese a plataforma, "dura anos, co pasotismo calculado de Renfe, que só parece que está a facer algo no último ano".

"Pero as actuacións de Renfe, lonxe de solucionar paulatinamente a situación, só vemos que a empeora, dilatando compromisos ou coa falta de organización no material".

Fronte a todo isto, a plaforma pregúntase que explicación ten Renfe para xustificar retrasos de media hora, en orixe de servizos que sabe o día anterior que non van ser prestados por tren.

Tamén se pregunta que explicación ten Renfe para os usuarios que quedan tirados nos apeadeiros, cando o autobús recibe ordes de só pasar polas estacións, ou cal é o motivo de que só estea a circular unha unidade reformada das 8 unidades 2400 (S524), das cales se adxudicou a reforma por lotes en xaneiro do 2018, tendo en conta que transcurriron 6 meses.

As preguntas non quedan aí. A plataforma quere saber tamén cal é o motivo de que Renfe meta en talleres unidades 2400 para reformar que están circulando, antes de quitar outras reformadas, cal é o resultado dos informes da asistencia técnica sobre a mellora da fiabilidade das unidades 2700-2900, cando se vai a proceder á reforma con garantías das unidades 2700-2900, cal é o motivo para que Renfe incumpra reiteradamente o compromiso entregado por escrito á Xunta e alcaldes de Ferrolterra, Ortegal e Mariña sobre a reparación e reforma do material para acabar coas avarías,sta xestión do material rodante por parte de Renfe é deliberada, se obedece a unha intencionalidade de expulsar a xente do servizo...

"Resulta imprescindible que os novos altos cargos do Ministerio de Fomento, Renfe e Adif tomen cartas nestes problemas que padecemos dende anos, que están a provocar a morte do que é o único servizo público de transporte que existe na maioría das localidades de Ferrolterra, Ortegal e Mariña. O noso futuro depende del", alertan.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta