Por Galicia Confidencial | | 04/07/2018 | Actualizada ás 22:40
A comunidade da Galipedia decidiu sumarse ao bloqueo no acceso a tódalas páxinas de Wikipedia para rexeitar a proposta de directiva sobre os dereitos de autor que o Parlamento Europeo vai votar este 5 de xullo.
Esta directiva, advirten desde a Galipedia, "ameaza a liberdade en liña e impón novos filtros e barreiras para acceder á Web, no canto de actualizar os dereitos de autor e facilitar a participación dos seus cidadáns na sociedade da información".
Os galipedistas salientan que foron "numerosos" os "persoeiros, científicos, empresas e organizacións non gobernamentais" que "amosaron o seu rexeitamento a esta proposta e pediron ós membros do Parlamento Europeo que voten en contra desta directiva para comezar de novo o debate sobre o seu contido e considerar as propostas de mellora que hai para ela".
Este é o comunicado, íntegro, que bloque o acceso durante 24 horas aos contidos de Galipedia.
Estimada lectora, estimado lector,
O 5 de xullo de 2018, o Pleno do Parlamento Europeo votará se se debe proceder cunha proposta de directiva sobre os dereitos de autor que, se fose aprobada, danaría significativamente a Internet aberta que coñecemos.
En lugar de actualizar as leis de dereitos de autor en Europa e promover a participación de tódolos cidadáns na sociedade da información, a directiva ameaza a liberdade en liña e crea obstáculos para acceder á Web, impoñendo novas barreiras, filtros e restricións. Se a proposta se aproba no seu formato actual, podería ser imposible compartir un artigo de noticias nas redes sociais ou atopalo a través dun motor de procura; a mesma Wikipedia estaría en risco.
Xa se opuxeron firmemente a esta proposta máis de 70 científicas e científicos informáticos, entre eles o creador da Web Tim Berners-Lee (aquí [[1]), 169 académicas e académicos (ver [2]), 145 organizacións que traballan no campo dos dereitos humanos, liberdade de prensa, investigación científica e industria tecnolóxica (ver [3]), e a Fundación Wikimedia, a organización sen ánimo de lucro que promove, entre outros proxectos, esta enciclopedia libre (ver [4]).
Por estas razóns, a comunidade de Wikipedia en galego decidiu escurecer tódalas páxinas da enciclopedia. Queremos seguir ofrecendo unha enciclopedia aberta, colaborativa e gratuíta con contido verificable. Chamamos a todos os membros do Parlamento Europeo a votar en contra do texto actual, reabrir a discusión e reconsiderar as numerosas propostas da asociación Wikimedia, comezando coa eliminación dos artigos 11 e 13, así como a extensión da liberdade de panorama a toda a UE e a protección do dominio público.
https://meta.wikimedia.org/wiki/SaveYourInternet
A comunidade da Wikipedia en galego
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.