O Parlamento, unánime a favor da xestión dende Galicia da AP-9

PP, PSdeG, En Marea e BNG volven acordar, por terceira vez, solicitar no Congreso a transferencia da autoestrada.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/07/2018 | Actualizada ás 16:00

Comparte esta noticia

A transferencia da titularidade e competencia da AP-9 a Galicia foi debate no Parlamento esta maña de martes. Desta maneira, convértese esta na terceira vez que debaten e votan sobre o tema. Todos os partidos políticos se postularon a favor da proposta que, esperan, sexa tramitada no Congreso dos Deputados. 

Ponte de Rande
Ponte de Rande | Fonte: Miguel Núñez

Dende o PPdeG, o deputado Fernández Prado, recordou a importancia de "acadar unha unanimidade da cámara" para logo presentarse deste xeito perante o Congreso. De non facelo, "debilitaremos o noso obxectivo". Así mesmo, asegurou que "imos seguir mantendo a mesma postura: máxima esixencia de calidade do servizo e petición do traspaso da titularidade".

Celebraron, pois, a sentenza, porque consideraron que "ofrece maiores posibilidades do que levamos pedindo hai anos". Por outra banda, recordou apelando ao BNG e PSOE, que "cando gobernou o bipartito este tema non estaba na axenda".

A OPOSICIÓN, TAMÉN A FAVOR

Pola súa banda, Antón Sánchez, de En Marea, entende a xestión da AP-9 como “a punta do iceberg dunha corrupción institucionalizada, o exemplo perfecto do capitalismo de amiguetes” e da "corrupción como forma de goberno". "O saqueo do século", dixo. Ademais, apelou directamente a Feijóo, do que dixo que era "un home do Partido Popular que traballa para o partido, non para Galicia". Así pois, afirmou que a xestión directa sería máis rendible para a cidadanía.

Igualmente o entende o socialista Raúl Fernández, que considera “de xustiza” esta transferencia. “Co modelo actual, os galegos sempre perdemos e a concesionaria sempre gaña”, dixo. Tamén considera que "esta xestión minimiza as potencialidades da AP-9".

"A cuestión de fondo da AP-9 é a dependencia política de Galicia, un complot contra Galicia, unha alianza das empresas e dos grupos políticos que protexen intereses alleos”, asegurou Luís Vará, do grupo nacionalista. Así mesmo, afirmou que o Estado ten unha débeda con Galicia e que na historia da AP-9, “o PP escolleu o papel de Xudas, de traidor”. Polo tanto, "a responsabilidade é do PP" e do seu "argumentario falso", sentenciou o deputado do BNG.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta