Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/07/2018 | Actualizada ás 12:37
O subsector de tráfico da Garda Civil de Pontevedra investiga penalmente por varios delitos contra a seguridade viaria aos pilotos de dúas motocicletas que foron detectados polo helicóptero 'Pegasus' da DXT cando circulaban de forma temeraria pola comarca do Salnés.
Os dous pilotos, segundo informa a Benemérita, foron sorprendidos polo helicóptero da Dirección Xeral de Tráfico cando circulaban a gran velocidade por distintas estradas na comarca do Salnés, "pondo en risco as súas propias vidas e as dos demais usuarios ao efectuar adiantamentos temerarios, en tramos de liña continua e sen gardar as distancias mínimas de seguridade".
Esta situación, xa de seu perigosa, segundo a Garda Civil "agravouse máis se cabe cando os dous pilotos se desprenderon das placas de matrícula das motocicletas ao verse sorprendidos pola tripulación do helicóptero, incrementando notoriamente a gravidade das manobras e os riscos da condución para porse fose do alcance da aeronave".
Alertadas as patrullas da agrupación de tráfico da Garda Civil que se atopaban na zona, finalmente foron localizados e identificados os dous pilotos. Un deles é veciño da Illa de Arousa e o outro de Vilanova, de 25 e 26 anos respectivamente, aos que se lles notificou a súa condición penal de investigados como supostos autores de varios delitos contra a seguridade viaria.
As dilixencias instruídas entregáronse no xulgado de instrución de garda de Cambados. Estes condutores pódense enfrontar a unha pena de prisión de tres a seis meses, á multa de seis a doce meses ou a traballos en beneficio da comunidade de trinta e un a noventa días e, en calquera caso, coa de privación do dereito a conducir vehículos a motor e ciclomotores por tempo superior a un e até catro anos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.