A xestión dos residuos por parte de SOGAMA volve ser debate no Parlamento Europeo

A creación dun plan 100% público é a principal reivindicación do Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea, que considera a situación dos vertedoiros galegos "insostible", sendo "a vida no rural a gran perdedora".

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 12/07/2018 | Actualizada ás 19:40

Comparte esta noticia

O plan de xestión de residuos da Xunta de Galicia chegou ao Parlamento Europeo a partir da denuncia que a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) fixo a respecto da violación da lexislación da UE. Con todo, os votos en contra do Partido Popular e a abstención do PSOE a nivel europeo provocaron o peche definitivo do proceso de denuncia aberto na comisión dende o ano 2015.

Vertedoiros ilegais nunha na área de petróglifos da Ran, en Cuntis
Vertedoiros ilegais nunha na área de petróglifos da Ran, en Cuntis | Fonte: Veciñanza

Lídia Senra, eurodeputada galega integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), interveu este mércores na Comisión de Peticións, non só para apoiar co seu voto positivo a posibilidade de seguir afondando nesta denuncia, senón tamén para trasladar na Eurocámara que “un cuarto de século despois, a realidade é que SOGAMA é un macro vertedoiro situado en terras de Cerceda, a piques de colapsar totalmente, cun alto índice de incineración de residuos e que, como se recolle na propia petición, actualmente só reutiliza ou recicla un 10,5% dos residuos”. Nesta "insostible situación", abondou, “a reciclaxe, a redución, a reutilización, o medio ambiente, a saúde e a vida no rural son as grandes perdedoras".

A LOITA: UN PLAN DE XESTIÓN DE RESIDUOS 100% PÚBLICO

"O modelo de xestión de residuos ineficiente e centralizado que aplica SOGAMA debe cambiar urxentemente, Galicia precisa un plan de xestión de residuos que sexa público ao 100%”, reivindicou. Senra lembrou tamén na súa intervención que precisamente neste 2018 se cumpren 25 anos dende que se instaurou este modelo de tratamento de residuos. Sogama foi creada "recibiu 72 millóns de euros procedentes do Fondo de Cohesión para poñer en marcha e dar forma á súa infraestrutura industrial, baixo a promesa de dar solución á xestión do lixo no noso país e rematar cos vertedoiros ilegais que había por toda a xeografía e que ameazaban as contornas e ecosistemas”, explicou.

Con todo, a día de hoxe, “as augas están contaminadas, vense troitas mortas nos ríos e a veciñanza ten comprobado como día si e día tamén descargan camións de residuos sen separar nin reciclar directamente no macro vertedoiro chegados de toda Galicia, como puiden tamén ver eu o día que sacamos esta foto”, aseverou ao tempo que amosaba unha imaxe da descarga realizada durante unha visita á parroquia de Lesta (Ordes) en setembro de 2016, área cara a que a Xunta pretende ampliar o vertedoiro de SOGAMA.

DE CANTEIRAS ABANDONADAS A VERTEDOIROS DE RESIDUOS

A eurodeputada galega valora que SOGAMA incumpre claramente as directivas europeas, polo que tería sido totalmente procedente manter a denuncia aberta na Comisión de Peticións e realizar unha investigación a fondo. De feito, abondou Senra, cómpre estar alerta con todo o que ten que ver coa xestión de residuos: “urxen medidas para poñerlle freo a todas esas empresas que ultimamente, e co pretexto da economía circular, prentenden converter as canteiras abandonadas en vertedoiros de residuos e futuras plantas de tecnosolos, que lonxe de ser unha solución sostible para a xestión do lixo, estamos vendo como contaminan augas e terras. Que llo digan á veciñanza da Grixoa ou de Touro, ao lado de Santiago, ou á de Casalonga, en Teo, moi preocupada polo que lles pode vir.”

Lídia Senra criticou tamén que, unha vez máis, a Comisión Europea estea a eludir posicionarse nunha cuestión rexida pola lexislación medioambiental comunitaria, “a Comisión non se pode escudar en que o Estado non é responsable do incumprimento dalgunha comunidade autónoma argumentando que si que se cumpre a nivel estatal. A CE debería actuar obrigando ao Goberno de Galicia a cumprir cos obxectivos das Directivas relativas a xestión de residuos e protección da auga”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta