O perfume do verán

Está tendo éxito un vídeo con mensaxes escritas a man e presentadas á maneira de Bob Dylan que leva por título “Como namorar a unha muller”. Nel, un dos consellos que máis chama a atención di “Perfúmate sempre”.

Por Ramón Torrado | Ribeira | 21/07/2018

Comparte esta noticia
Na década dos anos setenta sucedía ás veces que pasaba ó lado algunha persoa cun ulido tan grato que case inducía a preguntarlle que marca usaba. Había fragrancias femininas elegantes e serenas como Joya, Maja ou Maderas de Oriente. 
 
Na emotiva década dos oitenta, reinaban colonias e perfumes tan fastosos como Chanel For Men, Royal Copenhagen Musk Oil, Drakkar Noir, Portos, L’Air du Temps e Chanel número 5. A industria perfumista mesmo se permitía o luxo de ofrecer por pouco tempo auténticas marabillas como Perry Ellis para home, ou Ruffles de Óscar de la Renta para muller. Este último perfume, a modo de exemplo, amosaba notas de flor da laranxeira, bergamota, caravel, nardo, iris, orquídea, xasmín, ylang-ylang, lirio do val, rosa, mel, sándalo, almiscre, algalia, vainilla, caramelo e cedro. Había marcas españolas como Puig ou Myrurgia que eran apreciadas no mundo.
 
Todo iso cambiou. O día 7 de xullo de 2018, unha interesante revista masculina traía de agasallo  mostras dunha nova colonia creada por unha casa mítica francesa. Composta en parte de esencia de abelá, este lanzamento non difire de numerosas colonias actuais: a fragrancia non é moi atractiva, a estela é débil e a duración sorprende pola brevidade.
 
O verán é unha época de amores e grandes emocións. Á maneira dos esquíos, podemos gardar os recordos da época estival e atesouralos para seren degustados na agridoce memoria durante o resto das estacións. É un dos motivos polo cal os perfumes e as colonias son importantes. Traen recordos e teñen moito que ver coas relacións amorosas, coa compatibilidade e coa sensualidade.
 
Na praia en particular, sentimos os aromas do mar, das cunchas e do plancto no medio da calor e da excitación alegre dos nenos, ou dos mozos que se internan nos misterios da atracción. Respíranse as brisas mariñas e, case espidos, vivimos unha curiosa intimidade compartida con descoñecidos. Búscanse a felicidade e a ilusión de vivir, e despois chega a noite e as flores nocturnas despregan os seus engados invisibles, que deberían ser irresistibles e imposibles de esquecer.
 
Se algún día algún fabricante galego se anima a crear unha nova colonia, un novo perfume ou unha nova fragrancia (como a liña de xabón e sales de baño de La Toja que comezara o marqués natural de Pontevedra José Riestra López en 1905), afrontaría unha serie de retos: ser a un tempo exclusiva – satisfacendo aos olfactos máis esixentes – e popular; ser complexa – con moitos e sofisticados ingredientes – pero respectando o medio ambiente e evitando por completo a experimentación animal; ser sexy e envolvente sen caer na vulgaridade ou na excesiva potencia; ser de elegante presentación e arquitectura sen perder naturalidade visual; ser moderna e do seu tempo, e quedar por sempre na memoria.
 
Por último, aínda no balbordo do verán, pódese recomendar a quen queira imbuírse de espiritualidade, sexa ou non persoa de fe, que se achegue a algún templo, preferentemente baleiro, para coñecer o peculiar recendo a incenso e flores de igrexa que ofrece un escape do prosaico día a día, dando unha providencial oportunidade para centrarse na soidade, no recollemento, na meditación e no propio ser.
 

Os chuchameles ou cloques
Os chuchameles ou cloques | Fonte: floresypalabras
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Ramón torrado Ramón Torrado Romero (Araño-Rianxo, 1966). Educado en Galicia, no País Vasco e nos Estados Unidos. Licenciado en Filoloxía Inglesa na USC, é profesor de instituto. Investigador rosaliano. Foi colaborador en Certo, xornal dixital de Barbanza. Ten escritas catro novelas, un libro de relatos e outro de viaxes, entre elas, Rebeca no val das sombras ardentes (Toxosoutos, 2018) e "Torino" (Axóuxere, 2021), a súa última obra publicada.