Por Pedro G.-Valadés | Vigo | 11/04/2011
Desde logo e ainda que os seus propotores digan o contrario, non promoven a paz, nin consiguen que as partes en conflito sexan máis flexíbeis. Necesariamente flexíbeis. Pola contra os esforzos encamiñados a impulsar e promover o boicot dividen ainda máis ás comunidades en litixio.
O conflito palestino-israelí non é desde logo sinxelo, non é un debuxo en branco e negro. Cada bando terá que traballar arreo na procura das mellores condicións para a paz, culpar e sancionar a un só bando non contribúe en nada a tarefa de achegar posturas, algo esencial se realmente queremos ver algún día un horizonte pacífico e de boa convivencia entre palestinos e israelies. Boicotear os produtos israelís, a cultura israelí, o deporte israelí... non fomenta precisamente que os líderes palestinos vexan necesarias as negociacións, de feito, co boicot contra "o outro bando" móstraselles que non é precisa ou cando menos esencial a negociación, porque outros están xa dispostos a ferir ao "inimigo", económica e politicamente. Boicotear a Israel non contribue a axudar aos palestinos na mellora da calidade das súas vidas, nin a construir o seu futuro Estado, nin xa que logo, a desenvolver as indispensábeis institucións democráticas palestinas.
O boicot contra Israel é un movemento no particular taboeiro de xadrez árabe-israelí, destrutivo, no canto dunha acción construtiva coma algúns teiman en presentar.. Se nós queremos en verdade facer un contributo positivo para a imprescindíbel paz, colaboremos entón cos esforzos e cos programas de apoio mutuo, de interrelación entre a sociedade civil israelí e palestina, pero non engadamos incomunicación onde é precisa unha sobredose de intercomunicación. Noutras palabras, investir na paz e convivencia, non en enfatizar as dirferenzas, na falta de cobertura e nas chamadas perdidas. O argumentario en apoio ao boicot ignora a mantenta o dificilísimo contexto das accións de Israel, e busca só xustificar e deslexitimar ao Estado de Israel. Os responsábeis dos esforzos do boicot curiosamente nunca mencionan a ameaza terrorista permanente coa que convive Israel, e nunca teñen a ben mencionar a grupos islamofascistas como Hezbolláh, Hamas, Yihad islamica... Ignoran a mantenta os máis de 60 anos de permanente acoso e derribo de Israel con guerras, terrorismo e un perigoso horizonte nuclear iraniano. Castigar a Israel é un exercicio de suprema hipocrisía da esquerda de salón europea, algo que demostra o silencio destes mesmos promotores do Boicot, para con reximes como o chinés, o iraniano, o saudí, o sirio, o coreano, o cubano etc... Na axenda "humanitaria" dos sospeitosos promotores do boicot contra Israel só aparece merecente da súa xenerosa atención un estado no planeta... Israel.
E non esquezamos que apoiar o chamado ao boicot contra Israel é dar cobertura as forzas máis reacionarias da rexión e do mundo. Os promotores do chamado BDS (Boicot, Desinversión, Sancións) alíñanse de facto con Hamas ou Hezbollah, dous dos movementos políticos máis represivos, reaccionarios e fundamentalistas do mundo. Que organizacións supostamente progresistas ou de esquerdas apoien implicitamente -e incluso explicitamente- a grupos desta caste, e unha delirante contradicción cos máis fundamentais valores que seica din defender. Claro que é moito máis doado atacar, criminalizar e tentar deslexitimar a Israel que "convencer e persuadir" a Hamas, a Yihad islamica ou Hezbollah de que deben respectar os dereitos humanos, os dereitos civís, os dereitos das mulleres, os dereitos das minorías...
Ligazón recomendábel: http://contraboicotaisrael.blogspot.com/