A Xunta aumentará as plantacións de eucalipto no novo Plan Forestal

"Hai que darlle cabida a todas as especies sen demonizar a ningunha delas", di a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez .

Por Galicia Confidencial | Compostela | 19/07/2018 | Actualizada ás 15:35

Comparte esta noticia

A superficie de eucalipto en Galicia aumentarán un 1% -- dun 15 a un 16%-- no novo Plan Forestal de Galicia respecto ao anterior de hai 26 anos. Así o anunciou este xoves a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, na presentación deste novo proxecto que pretende aprobar a finais deste ano.

Mámoa arrasada por unha platación de eucaliptos en Vilalva
Mámoa arrasada por unha platación de eucaliptos en Vilalva | Fonte: Mariña Patrimonio

"Non existen especies demonizadas; só a biodiversidade e especies de crecemento rápido", dixo Vázquez sobre o eucalipto na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta. Así, e a pesar da gran controversia que xeran as plantacións de eucalipto logo dos numerosos incendios que hai en Galicia, a conselleira insistiu en defender esta especie e en non "demonizala".

Por iso, confirmou que o novo plan aumentará as hectáreas para plantar eucaliptos, que chegarán ao 16%,  as de piñeiro suporán o 26% e o bosque mixto case un 10%. En total, máis do 50% dos montes galegos terán piñeiros e eucaliptos. 

O novo plan tamén recolle que un 23% das hectáreas serán de frondosas e 500 hectáreas para espazos abertos e de pastizais. Deste xeito, pasarase das 980.000 hectáreas de monte a 1.060.000 hectáreas e duplicando a producción de 8 a 16 millóns de m3. "Tamén queremos aumentar un 8% a madeira de calidade", dixo a conselleira. "Neste plan hai cabida a todas as especies sen demonizar a ningunha", suliñou.

O MODELO

O modelo para os próximos 20 anos, que cada goberno poderá revisar "cada cinco anos", segundo resaltou o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, tamén propón incrementar os piñeirais, en concreto até case 530.000 hectáreas (desde unhas 433.000 hectáreas actuais), de modo que supoñan un 26% da superficie forestal.

Avance do eucalipto fronte ás carballeiras
Avance do eucalipto fronte ás carballeiras | Fonte: Adega

Os bosques mixtos (con piñeiros, eucaliptos e frondosas), que actualmente ocupan unhas 253.000 hectáreas, deberán diminuír, segundo o plan revisado, até unhas 198.000 hectáreas, algo máis do 9% da superficie actual.

Para as caducifolias tamén prevé un aumento, das 366.000 hectáreas actuais até máis de 400.000 (o 19,75% do monte); do mesmo xeito que para os castiñeiros, que dentro de 20 anos terían que acaparar un 3,52% do monte, con máis de 71.000 hectáreas (actualmente son unhas 45.500 hectáreas).

O documento establece para o arboledo ralo, matogueiras e pastos, que supoñen hoxe en día 622.720 hectáreas, unha rebaixa até 496.831 hectáreas, ou, o que é o mesmo, o 24,47% do monte. A intención do Goberno galego é ter aprobado este documento a finais de 2018 ou a principios de 2019, "dependendo do número de achegas".

EN BUSCA DO "MÁXIMO CONSENSO"

Ademais, Núñez Feijóo subliñou que incorporará, "no seu caso", as conclusións que elabore a comisión de incendios. Tanto el como a titular de Medio Rural fixeron fincapé na vontade de buscar o "máximo consenso" cos distintos axentes implicados e con toda a sociedade.

Así mesmo, informaron de que as medidas que contempla o plan supoñen 112 millóns de euros en 2018 e planifícase un incremento sostido anual do 1%.O documento incorpora figuras como a do sivicultor activo, inclúe as directrices de xestión forestal en espazos protexidos, fomenta as modalidades xurídicas de agrupación dos montes e leva a cabo, segundo a Xunta, unha promoción "decidido" da cultura forestal.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 5 comentarios

5 Xesús Ateo Recalcitrante

Debido ás medidas tomadas polo goberno portugués para frenar a explotación do monte en función dos intereses de Navigator -non merquedes folios desa marca- e outras multinacionais papeleras, pois ven o goberno do Partido Popular a ofrecerlles máis espazo de plantacións de pirófitas e envelenadoras do chan. Non podía ser doutra forma; ese partido que na Galiza preside Feijóo está ao servizo do sector industrial máis nocivo e que máis mortos produce -por contaminación do chan e do ar, por lumes e, no Brasil, directamente asasinatos- no mundo. Menuda banda. Amáis unha Conselleira que é unha verdadeira inutil, sen iniciativa e que móvese ao dictado do dos Peares. Así nos vai.

4 O charrúa

Eucalipto especie invasora máis soutos e carballeiras

3 Andrés

Veselle ben o plumeiro, non son capaces de ser fortes fronte o interese dalgunhas empresas, que triste... Eu deixaría igual piñeiros e eucaliptos e aumentaría frondosas 👉

2 bazarra

E o abuso das subcontracións a tragsatec de persoal metido a dedo...pola consellería????

1 seve

¿Son unha tapadeira os estudos da Fundación Juana de Vega ? ¿Sae alguén benificiado co desvío de fondos?