O gasto farmacéutico hospitalario baixou en 2016 segundo o Consello de Contas

Contas advirte de que o Sergas usa o Fondo de Continxencia para pagar persoal, que subiu en interinos, 683, e baixou en propietarios, 689.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/07/2018 | Actualizada ás 16:57

Comparte esta noticia

O gasto en farmacia hospitalaria tivo un incremento durante 2015 dun 35 por cento logo da implantación do Plan estratéxico contra a Hepatite C e a subministración dos novos fármacos para esta doenza. En total, supuxo un custo de 67,5 millóns de euros ese ano e 18 en 2016. Así se desprende do informe do Consello de Contas sobre farmacia hospitalaria relativo aos exercicios 2014-2016, recollido por Europa Press, o cal especifica que en 2016 volveu descender o gasto farmacéutico en hospitais un 16%. Mentres, no período analizado, experimentouse un incremento tamén do 16%.

Enfermos de hepatites C protestan ante o Parlamento 25/2/2015. Europa Press - Archivo / Europa Press
Enfermos de hepatites C protestan ante o Parlamento 25/2/2015. Europa Press - Archivo / Europa Press

O aumento do 35% produciuse coa implantación do plan estratéxico da Hepatite C, un protocolo posterior aos casos de vítimas e enfermos que denunciaron dilacións na distribución desta medicación en Galicia e polo que o Xulgado número 3 de Santiago instrúe unha causa na que dous cargos do Sergas permanecen investigados por homicidio imprudente. Concretamente, esta investigación trata de dirimir se houbo atrasos que puideron evitarse á hora de fornecer os novos medicamentos para a Hepatite C nos anos previos á aplicación do protocolo e inclúe, como casos na instrución, unha decena de enfermos e dous pacientes que morreron sen ser tratados con estes fármacos.

"DOTACIÓNS INSUFICIENTES"

Ademais, o informe entregado este venres polo conselleiro maior de Contas, José Antonio Redondo, sinala que as dotacións iniciais dos créditos para atender o gasto farmacéutico nos hospitais galegos resultaron insuficientes nos exercicios analizados, o que supuxo un "elevado volume de modificacións orzamentarias". Tamén advirte que a creación e posta en marcha das novas áreas de xestión integral (coñecidas como EOXI) --coa excepción de Pontevedra-- "non supuxo a unificación funcional" dos distintos servizos de farmacia hospitalaria existentes en cada unha delas. O Sergas alegou que en decembro de 2015 constituíu un grupo de traballo con 14 farmacéuticos que deu a luz unha guía de farmacoterapéutica de residencias sociosanitarias comúns a todos os centros en 2018, ao que Contas replica que este dato non contradí o observado no informe.

Así as cousas, e analizados os prezos medios de adquisición das 20 especialidades farmacéuticas con maior volume de compra en 2016, o Consello de Contas observou "diferenzas de prezo que oscilan entre o 2% e o 861%" e advirte de que se recorre "con frecuencia" á fragmentación de compras para un mesmo produto. Unha vez feito este estudo, Contas estimou un aforro potencial de 5,6 millóns de euros, un 8%, de adquirirse as especialidades fornecidas ao menor prezo medio que se conseguiu.

CONTA XERAL DO SERGAS

Uno dos informes presentados polo Consello de Contas este venres no Parlamento de Galicia refírese á conta xeral do Sergas no exercicio 2016. No documento faise referencia a que o número medio de profesionais que prestaron servizo ese ano foi de 37.648, un 1,8 por cento máis que o ano anterior. Deles, 29.021 correspóndense con centros de atención especializada e 8.627 con atención primaria.

Ademais, ese ano, Contas constata que ademais de subir o número medio de profesionais que traballaron para o Sergas (eventuais), a cifra de persoal propietario diminuíu en 689 efectivos medios e aumentou a de interinos en 683. As contratacións temporais de eventuais e substitutos aumentaron en 659 efectivos fronte ao exercicio anterior. Ao longo do informe, Contas tamén reprende o alto número de modificacións de crédito que, ano a ano repítense, e que alteran o orzamento consolidado do Sergas. "Deben establecerse condicións que posibiliten un sistema estable de financiamento, así como medidas rigorosas para o seu cumprimento", recomenda.

CUESTIONA O USO DO FONDO DE CONTINXENCIA

O órgano fiscalizador tamén suxire "avaliar a necesidade de consolidar" o Fondo de Continxencia nos orzamentos xa que, na medida en que non cumpra as finalidades para as que se crea, "debe terse en consideración o efecto de distorsión da información orzamentaria que provoca". Na súa análise, o Consello de Contas fai constar que este fondo está deseñado para necesidades "non previstas no orzamento inicial", pero observa que de forma "recorrente" úsase para gastos que "se puideron estimar inicialmente".

Así, advirte que se está destinando este fondo para cubrir "insuficiencias" do capítulo I dos orzamentos (gastos de persoal), en lugar de para as actuacións que realmente prevé a lei para este fondo (o II e IV, que son relativos a gastos en bens correntes e de servizos e transferencias correntes). Os cadros achegados por Contas apuntan que en 2016 usáronse 30 millóns de euros dos 39 millóns incluídos no fondo para pagar a persoal e só 8 millóns empregáronse en gastos financeiros. Contas analiza desde 2011, e este patrón repítese, aínda que entre 2012 e 2015 si se destinou parte do diñeiro aos capítulos segundo e cuarto.

INVENTARIO DO SERGAS 2012-2016

Á marxe deste informe, o Consello de Contas analizou o inventario de bens do Sergas e a súa evolución no período 2012-2016, no que se recolle o "incremento notable" pola apertura do Hospital Álvaro Cunqueiro, en 2015. O Sergas contaba en 2016 cunha valoración en bens mobles de 530,4 millóns de euros, un incremento do 11,3 por cento nun ano. Neste informe, recollido por Europa Press, Contas limítase a ofrecer tres recomendacións, nas que aconsella establecer un mecanismo de conexión entre a aplicación de xestión do inventario coas aplicacións de compras e mantemento de activos e aposta por arbitrar un sistema informático que permita a ligazón entre a aplicación da contabilidade orzamentaria do Sergas e a de xestión de inventario.

Doutra banda, o Consello de Contas tamén analizou a actividade da Fundación Pública Galega de Medicamento Xenómica (FPGMX), da Fundación Pública Instituto Galego de Oftalmoloxía (Ingo) e daFundación Escola Galega de Administración Sanitaria (Fegas), que actualmente é a ACIS. O organismo fiscalizador recolle datos de 2016 sobre a realización de cursos e, este sentido, conclúe que houbo unha cociente de prazas convocadas sobre as solicitadas dun 70,9 por cento, o que "pon de manifesto un razoable grao dos cursos e, por tanto, unha adecuada adaptación da súa programación á demanda".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta