Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/07/2018 | Actualizada ás 13:14
O secretario xeral de CxG, Juan Carlos Piñeiro, estivo acompañado por persoeiros recoñecidos do seu partido como Rafael Cuíña e Xoán Bascuas, ademais dunha representación do PDdeCat. Piñeiro fixo unha valoración positiva diante da diversidade de forzas soberanistas que celebran por separado o 25 de xullo. “É bo que haxa disparidade de opinións para que a xente poda escoller”.
A poucos metros estaban aínda as coroas do funeral celebrado en memoria do primeiro presidente da Xunta de Galicia, Fernández Albor. “Respecto a visión de país que tiña Fernández Albor, non coincide coa miña” e reafirmou que “os galeguistas de certo éstán aquí”. Pero volvendo á figura de Albor “el foi o primeiro presidente dos galegos e galegas, algo de galeguista tivo que exercer reclamando competencias, pero non é o noso galeguismo”.
Sobre a nova posición que ocupa o PP en Madrid como partido da oposición, preguntóuselle a Piñeiro se agora farán máis presión para reclamar máis competencias. “Nós levamos desde sempre presionando para reclamar competencias, tráfico, formativo, pero o que está claro é que se abriu un novo período na política estatal, de feito hoxe temos aquí con nós unha representación do PNV e outra do PDdeCat e por iso é necesario que a xente de Galicia comprenda que o país ten que ter unha forza propia en Madrid e en Bruxelas que reclame o que é noso e as máximas competencias”.
En relación á confluencia con outras forzas soberanistas e galeguistas, Piñeiro mantén uns puntos programáticos que buscarían a reafirmación de CxG fronte a outras formacións políticas. “Nós estamos dispostos a sentar para abrir confluencias pero débese ter en conta que as metas son distintas, entón se as metas son distintas, podemos facer unha parte do camiño xuntos”. O diálogo de CxG, anuncia Piñeiro, tamén pasa por ter "unha conversa en setembro co presidente Feijóo que lle solicitamos en Bruxelas ao coincidirmos”.
Tamén se referiu á posición na que queda Alberto Núñez Feijoo logo do Congreso do PP. "Deixouno tocado, non feble, pero tocado porque foi vendendo durante o tempo unha unidade do PP de Galicia que non é real, Ourense votou o que quixo e parte de Lugo tamén”. E sobre o futuro do presidente do PP galego “na miña opinión, el (Feijoo) non vai concorrer ás vindeiras autonómicas, cousa que deixará o partido nunha mala posición”. Salvando as cuestións da actualidade política, Piñeiro ten claro que CxG vai “explicarlle á xente cal é a nosa idea de país para que acrediten en nós e o que pase noutras forzas políticas non nos afecta”.
ANDONI ORTUZAR
O presidente do PNV, Andoni Ortuzar, destacou a importancia desta data. "Nós, como os nosos compañeiros de CxG, entendemos o Estado desde a periferia, compartimos tamén un mesmo desexo de que as nosas nacións a galega e a vasca, sexan recoñecidas e asumidas ademais de termos a capacidade de decidirmos o que queremos ser como sociedade. Por tanto, nese sentido o ideario de CxG aseméllase moito ao noso”, dixo. Con todo, Ortuzar lembrou que “vivimos situacións políticas diferentes en Euskadi e en Galicia, cremos que hai un espazo para o galeguiso sen adxectivos como di CxG dentro de Galicia e por iso viñemos apoiar esa idea”.
O maior nexo de unión, segundo Ortuzar entre CxG e PNV está “na mesma maneira de entendermos a sociedade poñendo nós o foco en Euskadi e Compromiso en Galicia” e isto significa que “non somos partidos sucursalistas, non miramos para Madrid nin sequera de esguello, só nos centramos no noso país”. Ademais disto “dentro dese vello eixo de esquerdas-dereitas nós apostamos polo progreso que non deixe a ninguén detrás, pola xustiza social sen mirar se uns son dunha cousa ou outra”.
Sobre o posible adianto das eleccións xerais do Estado, Ortuzar di “esperamos que non porque as lexislaturas son para acabalas, acabamos de facer un cambio de signo ideolóxico no goberno do Estado e o lóxico é que os que impulsamos ese cambio sexamos coherentes e levemos ata o fin esta decisión”. Sobre se Rajoy mostrou o seu parecer polo voto de PNV a favor de Sánchez o presidente do PNV sinalou que “non, nós chamámolo a el para comunicarllo, pero debemos recoñecer que Rajoy comportouse como un cabaleiro, en política unha peza básica é entender as razóns do outro”.
Preguntado como se entende desde a sociedade vasca e desde o PNV as maiorías absolutas do PP, indicou que é respectuoso coas decisións da sociedade, pero falta espertar un tanto á sociedade galega e proxectos como CxG pode axudar a espertar á sociedade galega”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.