Pementos de Padrón, uns si e outros non

O consumo de pementos padrón aumentou exponencialmente desde os anos oitenta. Fronte á competencia que tiñan outros produtos hortícolas, esta categoría de pemento abriu un nicho de mercado importante no mercado español. Agora tamén se comeza a exportar a outros lugares de Europa. Pero sabemos que son os pementos de Padrón?

Por Moncho Mariño | Santiago | 07/08/2018 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

As dúas posibilidades para denominar o pemento que nos ocupa é Pemento de Padrón ou Pemento de Herbón. Mais a efectos burocráticos e oficiais consta como D.O.P. Pemento de Herbón. O nome foille dado pola parroquia de Herbón, Padrón, onde se cultivou unha variedade denominada Capsicum annuum desde o século XVI polos monxes do convento de Herbón. A planta trouxérase de América e co paso do tempo e a selección dentro da especie feita polos frades, o froito colleu as características actuais.

Cultivo de pementos de Padrón
Cultivo de pementos de Padrón | Fonte: web da DOP Pementos de Herbón

A proliferación do pemento por Galicia fixo que se cualificase como “de Padrón” a case toda a produción relacionada co pemento. Co paso do tempo apareceron outras denominacións como Pemento do Couto, en Ferrolterra. Non obstante, o cultivo da variedade e a creación da Denominación de Orixe creo unha leve pero significativa diferenza. A variedade figura como “variedade padrón” mesmo se é cultivada fóra do concello coruñés, pero “pemento de Herbón” será a que apareza nos envases e etiquetados dos recollidos na zona da denominación de orixe.

DE PADRÓN?

A reiteración é necesaria, o Pemento de Herbón é o verdadeiro pemento de padrón. A oferta actual no mercado fai que estar certo ou certa de consumir un produto auténtico ás veces sexa difícil de realizar. Primeiramente habería que facer unha lectura do etiquetado e cando os probemos, a diferenza no sabor tamén é un distintivo de cada pemento. “O que aparece coa denominación Pemento de Herbón é o auténtico” di Milagros García membro da Denominación de Orixe Protexida (DOP).

A promoción dos produtos galegos fixo que a demanda aumentase, sobre todo en lugares cunha forte presenza de emigrantes. “Nós orientamos primeiro a produción cara o tomate ou a xudía, pero vimos que o pemento tiña máis demanda e xa era cultivado aquí nesta zona” di Fernando Veiga, da cooperativa Horsal situada no Salnés. “Podemos etiquetar como pemento padrón, pero por cuestións relativas á Denominación de Orixe eliminamos a preposición “de” para especificar máis” insiste Veiga.

A cuestión é que ata a declaración de DOP de Pemento de Herbón, era común denominar “de Padrón” a toda variedade de cultivo que tivese semellanzas e sementes descendentes das padronesas. Así aparecen co nome da vila coruñesa colleitas procedentes de lugares como Murcia ou Comunidade Valenciana. “Existen outras variedades que se producen aquí en Galicia descendentes da padronesa, son máis doces e non pican e están rexistrados con outros nomes, pero aínda así chámanlles de Padrón” di Fernando Veiga.

MERCADO

O mercado do pemento de Herbón está limitado case que en exclusiva a Galicia. “Non producimos grandes cantidades debido a que a nosa é un produto encamiñado á calidade” sinala Milagros García. E é que Padrón, Dodro e Rois, na Coruña, e Pontecesures e Valga en Pontevedra son os concellos amparados pola DOP, mais aínda así, coa orientación comercial á calidade e o espazo reducido da denominación, confirma a dificultade de crear toneladas excedentes para a exportación da DOP Pemento de Herbón.

Xa se apuntou unha variedade máis, a do Couto, orixinaria do concello de Narón, que recibe o nome tamén doutro mosteiro, o do Couto. Outra variedade é o Pemento de Mougán, en Guntín, Lugo e logo a do Salnés. “Esta é unha variedade do de Padrón, con sementes que se foron gardando durante o tempo e así o froito foi arraigando creando o ecotipo salnés” di Óscar Villar, técnico da cooperativa Horsal. Preguntado Villar sobre como se puido estender o cultivo “puido aparecer nos catálogos de casas de sementes que as comercializarían”.

No caso de Marrocos, este país estase a converter nun dos principais exportadores de produtos hortofrutícolas cara Europa. Ocupa o terceiro lugar como vendedor para a UE de pementos, apartando a exportadores como Israel. “O caso é que tamén lle chaman de Padrón a ese pemento” sinala Milagros García. Mentres, a exportación española de pemento foi descendendo nos últimos anos xunto coa neerlandesa. En tal caso, as exportacións de pemento galego están abrindo mercado en lugares como Alemaña ou Gran Bretaña, pero aínda son os primeiros pasos.

Sobre os prezos habería que aclarar algún punto. Por exemplo, no caso do pemento de Herbón, ao ser produto de calidade e ao mesmo tempo de tempada, poden pagarse prezos de 6€ por 400 gramos de froito. No  momento de escribir estas liñas, o prezo está en 3€ e pode baixar a medida que o mercado vai incorporando excedente. Non obstante, o pemento de fóra da DOP de Herbón, anda a un prezo de 2,5 euros o kilo.  Un dato a ter en conta para o DOP de Herbón é que por culpa da climatoloxía no mes de maio a tempada comezou en xuño. E é que a tempada de recollida comezaría en maio e rematará o 31 de outubro. Así que, para termos a certeza de consumir o “pemento de Padrón” deberemos ter en conta que a súa denominación é Pemento de Herbón. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

O caso é converter o agro galego na boutique das D.O.P. =. 400 gramos / habería que pesalos / 6 €urazos ! Cando pagamos un cento de pementos a quen estamos engordando ? As burocracias ou aos agricultores?