O desvío de visitantes dende Cíes provoca a masificación de Ons

Verdegaia critica que o Plan Reitor de Uso e Xestión que regula a capacidade de persoas das illas atlánticas leve 15 anos sen aprobarse.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Comspotela | 23/08/2018 | Actualizada ás 15:00

Comparte esta noticia

A gran demanda de visitas ás illas Cíes está a ocasionar que se desvíen visitantes á illa de Ons para non exceder a cota de 2.200 persoas/día fixados para o arquipélago vigués. Deste xeito, a asociación ecoloxista Verdegaia avisa de que Ons está soportando unha carga de visitantes de ata 4.000 persoas/día, excedendo en grande medida as 1.800 previstas no borrador do Plano Reitor de Uso e Xestión (PRUX) que a Xunta de Galicia e a Dirección do Parque Nacional levan xa 15 anos sen aprobar. Fronte a esta situación, Verdegaia alerta das "consecuencias nefastas" que isto ocasiona para a conservación dos valores naturais e para a seguridade das persoas.

Illa de Ons
Illa de Ons

"O control do exceso da cota de visitantes nas illas Cíes ten que contar cunha visión integral que abranga todos os arquipélagos do Parque Nacional e que pase pola aprobación do PRUX, xa que este é o documento que rexe os usos que se poden levar a cabo no espazo protexido". Esta é a solución que Verdegaia ve necesaria. Calquera outra - din - será "insuficiente", xa que esa previsión de cota, sen estar ese documento aprobado, non ten ningunha validez legal. 

Ademais, Verdegaia critica a capacidade de carga establecida nese documento - 1.800 persoas/día - á vista dos resultados dun estudo realizado pola propia Xunta no que se indica que a capacidade de carga ecolóxica non debería superar as 896 persoas/día. Aínda así, segundo o propio estudo, pódese superar a capacidade de carga ecolóxica citada só con que unha de cada dúas persoas que visite a illa vaia ás praias simultaneamente.

"Garartir a debida conservación dos ecosistemas costeiros que, ademais, albergan hábitats catalogados como prioritarios na Directiva 92/43/CEE" debe ser, segundo a asociación, prioritario. Por iso esixe unha rebaixa na cota ata 1.200 visitantes/día. Así mesmo, lembra que o Movemento Ecoloxista leva máis dunha década solicitando, tanto á Dirección do Parque Nacional como á Consellaría de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, que se cumpra a Disposición da Lei 15/2002 que contén que "no prazo dun ano se elaborará o plano reitor de uso e xestión (PRUX) do Parque Nacional”.

Deste xeito, o PRUX tiña que ter sido aprobado o día 3 de xullo de 2003. Malia as insistentes
peticións, non se chegou a aprobar este documento. Polo tanto, a regulación das actividades que se levan a cabo neste espazo protexido -ao carecer deste documento- realízase sen a planificación axeitada e incumprindo a lei de declaración do Parque Nacional. "Só a neglixencia máis absoluta pode explicar que a estas alturas aínda careza dun plano que regule a súa xestión", mantén Verdegaia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta