Polémica entre a gaita galega e a gaita escocesa a conta do Festival Intercéltico de Lorient

A decisión de esixir o "uso exclusivo de instrumentos tradicionais" xerou certa controversia entre quen emprega as gaitas marciás, un modelo máis achegado ao escocés, e quen defende a gaita "con trazos propios e autóctonos de identidade como país e cultura".

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 31/08/2018 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O Festival Interceltique de Lorient 2019, adicado a Galicia, xa se pon en marcha logo de pechar a edición 48ª. Así pois, a vila de Lorient volverá acoller a cita máis multitudinaria do mundo do 2 ao 11 de agosto do vindeiro ano. Sempre cumprindo co desexo dos seus fundadores: contribuír ao desenvolvemento da música e da cultura bretona. Con Galicia como país convidado, a Delegación Galega do festival, representada por Pablo Seoane, vén de abrir o prazo para o envío de proxectos das distintas modalidades solicitadas. Mais non sen polémica. 

Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense
Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense | Fonte: Real Banda

Á parte doutros cantos requisitos que deben cumprir os grupos de música e baile que se presenten, a Delegación esixe "o uso exclusivo de instrumentos tradicionais en canto ás bandas de gaitas, non admitindo gaitas marciais nin instrumentos de alta tensión - tambores, timbais e bombos escoceses -". A partir da publicación destas bases, algunhas Bandas de Gaitas sentíronse molestas. Ángel Hernando, presidente da Banda de Gaitas Lume de Biqueira, asegura que este requisito "discrimina unha realidade musical galega", deixando fóra de toda opción aos centos de rapaces que tanto en Galicia coma no Exterior utilizan este tipo de instrumentos.

Así mesmo, cualifica a redacción desas bases de "tendenciosa" e afirma que "a práctica totalidade de grupos folk utilizan instrumentos foráneos absolutamente alleos á tradición galega". Este "desprezo" - segundo din - impide, por exemplo, que Lume de Biqueira participe no Festival de Lorient. "E pódese afirmar, sen temor a equivocarse, que é probablemente hoxe en día a banda de gaitas máis espectacular de España e a que máis proxecta Galicia no exterior", engaden no comunidado.

A POSICIÓN DO COLECTIVO EN DEFENSA DA GAITA

Colectivos como a Asociación de Gaiteiros Galegos ou o Colectivo en Defensa da Gaita posiciónanse da outra banda. Levan xa tempo en contra da implantación de modelos escoceses no deseño e afinación das gaitas ou na feitura dos traxes tradicionais. O Colectivo en Defensa da Gaita critica directamente á Banda Lume de Biqueira: "non é discriminar nin expulsar a unha banda, é non cumprir os requisitos e non representar a música da nosa terra. O mellor de todo é que tamén din que levan vinte anos paseando a súa galeguidade por España e polo resto do mundo. De verdade? A "galeguidade" dunha banda de Madrid que semella escocesa e que pretende representar a Galicia", aseguran.

Gaita galega
Gaita galega | Fonte: Consello da Cultura Galega

Así mesmo, o colectivo tilda de "principal ameaza" o asentamento deste modelo cultural escocés, que acaba "suplantando os nosos propios e autóctonos trazos de identidade como país e cultura". A isto suman que "este fenómeno está a destruír e aldraxar a nosa tradición musical ao implantarse progresivamente un estilo musical alleo". 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 4 comentarios

3 Manuel Dopazo

Eu como gaiteiro tradicional toco en formacións de du,trio ou quinteto. As bandas de gaitas son outra cousa eu toco en duas bandas de gaitas con gaita marcial. Pra min o importante son os proxectos musicais e a sua calidade.A decisión da delegación galega do Interceltique Lorient é moi controvertida eu persoalmente non estou a favor da decisión tomada. Por outro lado en canto a Lume de Biqueira e o seu comunicado "E pódese afirmar, sen temor a equivocarse, que é probablemente hoxe en día a banda de gaitas máis espectacular de España e a que máis proxecta Galicia no exterior" Pódese afirmar que o voso ego non cabe nin na cidade máis grande de España, vaia coa chulería madrileña os videos que tedes na web falan da vosa calidade e disculpade pero quedavos moitisimo que mellorar en afinación, técnica, interpretación, calidades das pezas, calidade dos desfiles( o video de Concarneau fala por sis só)....pra tocar en Lorient ou en otros sitios.

2 OsPiñeirosAflamencado

Estou dacordo co comentario anterior. Quixera ver a estés medios de comunicación igual de atentos cando se trate de defender a Especialidade de Gaita nos Conservatorios. Hai 17 titulados superiores e solo traballan 3 persoas porque na Coruña, Santiago e Pontevedra non hai vontade dos centros en incluir a especialidade por agravios contra o instrumento símbolo de Galicia. Vos interesa mais unha pataleta dunha banda madrileña que 15 persoas que estudaron mais de 14 anos de carreira non podan exercer...

1 Donegal

Se vas a unha carreira de bicicletas non podes levar unha bici eléctrica e moito menos un ciclomotor. Parece que hai xente que non entende cousas básicas. Non son un fundamentalista, gústanme todas as gaitas, incluída a marcial (que tampouco é exactamente unha gaita escocesa) pero un non pode dedicarse a estudar alemán e despois sentirse discriminado porque non o contratan para dar clases de inglés. Se se vai representar a música galega haberá que facelo con música e instrumentos tradicionais galegos...

1 Xesta

Éche asi Donegal.