O BNG acusa ao PP de querer "tapar" a "incapacidade" de Feijóo cando toca pedir investimentos nos portos

O BNG tamén criticou que se fale agora de "agravios" cando as terminais galegas sofren unha "discriminación histórica".

Por E.P. | VIGO | 31/08/2018 | Actualizada ás 17:55

Comparte esta noticia

Así o manifestou en Vigo a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, ao fío do debate aberto após a condonación de débeda do porto de Valencia, e a reclamación dos populares de que haxa o mesmo trato cos portos galegos.

Porto de Vigo
Porto de Vigo | Fonte: Wikipedia.

Ana Pontón ironizou co feito de que "de súpeto, algunhas forzas políticas descubriron que o porto de Vigo ten deficiencias e necesidade de maior investimento". "As necesidades do porto xa estaban aí antes do acordo (entre o goberno central e o de Valencia), e o que é lamentable é que o presidente da Xunta é incapaz de expor ningunha proposta para defender os intereses do país", proclamou. Segundo afirmou a portavoz do BNG, "cando os demais avanzan", e "para tapar" esa "incapacidade", os populares "sobreactúan" e consideran "que todo é un agravio".

Así mesmo, celebrou que, agora, o presidente do Porto de Vigo, "dá a razón ao BNG", ao recoñecer as necesidades de investimento e de mellora de infraestruturas na terminal olívica. "Outro incompetente que quere lavar as súas vergoñas", sentenciou, e recalcou que "o problema de fondo" é o "modelo centralista" que "sempre acaba discriminando" aos portos, aeroportos e outras infraestruturas de Galicia.

Finalmente, tamén censurou o "erro" do alcalde de Vigo, Abel Caballero, quen esixiu á Xunta que reclamase investimentos tamén para o porto da cidade e non só para A Coruña. "No canto de reclamarlle os investimentos ao Estado, volve a unha nova confrontación entre galegos", lamentou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta