Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/09/2018 | Actualizada ás 21:09
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, considerou que o ex-reitor de Vigo, Salustiano Mato, sería un candidato "espléndido" e "idóneo" na cidade olívica se decidise encabezar a lista nacionalista e mostrouse convecido de que "recuperaría a posición que nunca debeu perder" na cidade a súa formación. Díxoo en resposta aos xornalistas durante un almorzo informativo este mércores en Pontevedra ao ser preguntado por esta proposta da militancia. Sería, dixo, "un candidato idóneo", xa que é "unha persona innovadora" que ademais "é de Vigo", e ao que ve "con posibilidades" de acadar que o BNG "recupere a posición que nunca debeu perder en Vigo".
"Sobre Vigo sei o xusto, mentiría se dixese outra cousa", escusouse o alcalde pontevedrés, quen indicou que "tan só é a súa opinión". Así, lembrou que non é unha decisión que el "poida tomar", xa que lle corresponde aos "compañeiros de Vigo" e ao Consello Nacional, que precisamente se reunirá a mediados deste mes cos candidatos de Vigo e Ferrol pendentes. Lores mostrouse convencido de que con Salustiano Mato como cabeza de cartel do BNG en Vigo os nacionalistas contarían cun "bo equipo" co que "entrar con forza" no consistorio vigués. "A cidade máis importante debe ter unha representación ampla do nacionalismo", engadiu o rexedor pontevedrés.
SITUACIÓN DO BNG
Fernández Lores tamén se referiu á situación actual do BNG valorando que "neste momento ten unha liña correcta". "E coa gaiola de grilos que hai no exterior isto ten que ir dando resultados", indicou, antes de sinalar que a portavoz nacional, Ana Pontón, represéntalle "moi ben": "Estou moi orgulloso de como está a traballar". Para o alcalde de Pontevedra, o reto "complicado" para a súa formación política pasa por "saber trasladar todo isto aos cidadáns" para que saiban que "o BNG é o futuro deste país", porque o BNG "quere a este país e sabe facer as cousas cando está a gobernar".
"É un bo momento para dar un salto", dixo o rexedor nacionalista. "Estamos a dar unha imaxe de saber onde estamos, reivindicativa, de que somos necesarios", agregou e apuntou que a "ausencia" de representantes do Bloque no Parlamento do Estado "está a demostrar que Galicia se non está o BNG non existe". Neste sentido, destacou que "Galicia está en Europa a través de Ana Miranda", a eurodeputada do BNG. Lores indicou que o BNG "ten que crecer para tomar decisións neste país", aínda que confesou que "non cre que vaia a dar ningún sorpasso". Nembargantes, dixo que si espera "unha subida importante", porque "as outras alternativas... Deus me perdoe!", dixo. Ademais, significou, en referencia ao PP e ao seu presidente da Xunta, que "Feijóo aparece como moi bo xestor", pero el non ve iso "por ningún lado". Do Partido Socialista, engadiu que non sabía "que dicir" e sobre "os outros", para o alcalde de Pontevedra son "un bluff" .
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.