Por X.M. Fernández | Monforte de Lemos | 21/09/2018 | Actualizada ás 20:00
Por terceiro ano consecutivo, a cidade Monforte de Lemos será protagonista nunha gran competición ciclista. No ano 2016 foi sede da saída dunha etapa de “La Vuelta a España” e nos anos 2017 e 2018 anfitrioa da Volta Ciclista a Galicia.
Nesta ocasión acolle a etapa final da competición galega, etapa cun percorrido de 145,5 quilómetros con saída ás 10:00 horas dende a Praza da Compañía en Monforte de Lemos e a chegada ao mesmo lugar, sobre as 13:30 horas despois de percorrer as vilas de Bóveda, Sarria, O Incio, A Pobra do Brollón e Quiroga.
A Volta conta este ano con 19 equipos ciclistas, algúns de Galicia e outros do resto de España e algún estranxeiro. Segundo comentou Tomé en rolda de prensa, trátase dun evento que move moita xente, tanto da organización, unha caravana dunhas 500 persoas aproximadamente, como de espectadores e afeccionados ao deporte que se achegarán a Monforte. Todo iso, afirma, repercutirá positivamente no comercio e na hostalería da cidade.
Ao anterior, engadiu o alcalde, hai que sumarlle o potencial de audiencia deste evento nos medios da RTVG pois serán un escaparate inmellorable para dar a coñecer a riqueza paisaxística, cultural e monumental de Monforte e por extensión de Ribeira Sacra.
Á pregunta de GC sobre a iniciativa para formar parte do percorrido da Volta a Galicia e o custe económico que supón para o concello, Tomé explicou que Monforte ten unha etapa porque así o solicitou á Federación Galega de Ciclismo. E incluso se propuxo percorrido, que inicialmente prevía pasar polo Alto do Boi, pero a organización desbotou esta opción para este ano porque se excedía dos quilómetros que se contemplan para cada etapa. En relación ao financiamento, o rexedor monfortino matizou que os gastos de infraestrutura para acoller a saída e a chegada da etapa corren a cargo do concello e o resto de gastos da Federación Galega de Ciclismo relativos á organización sopórtaos a Deputación de Lugo.
A celebración do evento obrigará a cortar o estacionamento do espazo de aparcamento principal de Monforte, no Parque dos Condes, dende o sábado ás 20 horas, ata o domingo ás 16 horas, aproximadamente. Esta zona vaise destinar ao estacionamento dos vehículos dos equipos da Volta Ciclista.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.