Por Galicia Confidencial | Teo | 20/09/2018 | Actualizada ás 21:10
O Concello de Teo está satisfeito aínda que non mostra unha plena satisfacción polo arquivo do expediente que a empresa Toysal presentou como “restauración ambiental” para a vella canteira de Casalonga. Dito expediente presentouse logo que o proxecto para a instalación dunha planta de tratamento para residuos fose rexeitado polo Concello ante a incompatibilidade urbanística e ambiental da proposta de Toysal. Dito informe foi enviado á Consellería de Medio Ambiente o día 4 de setembro.
“Dende o goberno municipal destácase que se vén de gañar unha batalla, máis estamos diante dunha ameaza medioambiental que pode non rematar aquí” din nunha nota de prensa as autoridades municipais de Teo. "A única solución para alonxar a ameaza de Toysal é un cambio normativo na lei do solo de Galicia ou no PRIGA, que impida que este tipo de plantas se poidan instalar a poucos metros de núcleos con alta densidade de poboación" indica o alcalde Rafael Sisto.
Rafa sito tamén lembrou o que xa dixera sobre os permisos para instalar a planta de tratamento “o Parlamento ten capacidade para lexislar a favor da cidadanía e agardamos que o faga". Tamén quixo recordar que “as competencias que lle deixa a lei do solo aos Concellos diante de actividades perigosas coma esta ou as pirotecnias son moi escasas”. Sisto tamén valora que "temos conseguido parar un intento de agresión máis non sabemos se teremos armas para parar o seguinte".
O martes día 25 de setembro tanto o alcalde como representantes dos partidos da corporación municipal e da Plataforma de Veciños Casalonga Limpa de Residuos, reuniranse coa Directora Xeral de Calidade Ambiental. Sobre a reunión o alcalde de Teo di que "esperamos que unánimemente se volva solicitar un cambio normativo" indica Sisto.
PLAN DE RESTAURACIÓN
En relación coa empresa Toysal, neste momento o Concello traballa noutra solicitude de informe que se pide desde Minas, dependente da Consellería de Industria, sobre o plan de restauración que presenta a empresa. Isto está motivado pola compra do terreo e os consecuentes dereitos mineiros da explotación Casalonga. A firma viguesa propón encher o oco da canteira con inertes e abre a posibilidade de cubrilo con tecnosolos. Xa se ten solicitado una xuntanza co director xeral de Minas para falar deste tema.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.