Un videoxogo galego para achegar a ciencia a todo o mundo

Profesores galegos desenvolven o proxecto co apoio da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 25/09/2018 | Actualizada ás 11:55

Comparte esta noticia

Un equipo do Departamento de Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela (USC), coa colaboración de profesorado de educación secundaria, está a desenvolver un videoxogo cuxo obxectivo é achegar a ciencia a todo tipo de público combinando estratexia e coñecementos.

MatHex: xogo, estratexia e coñecementos
MatHex: xogo, estratexia e coñecementos | Fonte: USC.

A base do xogo —en fase de desenvolvemento— será un taboleiro formado por hexágonos como no clásico xogo de mesa Hex, combinado con preguntas. Un dos seus puntos fortes é a tipoloxía destas cuestións, xa que “combinan dunha forma amena e coloquial diversas temáticas”, explica a investigadora principal do proxecto, a profesora Elena Vázquez Abal.

No caso particular das matemáticas, versarán sobre xeometría, operacións, historia, arte, sentido común e unha porcentaxe dedicada a mulleres matemáticas. Ademais, cada pregunta leva consigo a súa explicación, que se mostrarán igualmente cunha linguaxe simple. 

O equipo conseguiu o apoio da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) que financia o proxecto MatHex (FisiHex, BioHex, QuimiHex...).

Cada materia científica terá o seu propio videoxogo específico, aínda que o esqueleto desta primeira fase da iniciativa estará baseado nas matemáticas (MatHex). A dificultade será axustable a todas as idades, dende a infancia ata a Universidade ou para un público xeral. 

Completan o equipo do proxecto José Carlos Díaz Ramos e Víctor Sanmartín López, polo Departamento de Matemáticas da USC, e Esteban Calviño Louzao, profesor de educación secundaria. Os avances que experimente o proxecto poderanse consultar na súa web (http://www.usc.es/gl/proxectos/mathex).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta