Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/09/2018 | Actualizada ás 13:00
O PPdeG controlará a comisión de investigación do sistema sanitario que impulsaron os grupos da oposición --En Marea, PSdeG e BNG-- e que indagará tamén sobre a morte dun paciente no Punto de Atención Continuada (PAC) e a subministración de medicamentos aos enfermos de Hepatites C.
Así, a deputada popular Marta Rodríguez Arias presidirá a comisión, mentres que ocupará a Vicepresidencia o popular Jesús Miguel Prado Patiño. Mentres, a deputada de En Marea Eva Solla, por parte da oposición, ocupará o posto da secretaría.
Nesta comisión, os populares achegan sete dos 12 membros: Aurelio Núñez Centeo, Marta Rodríguez Arias (presidenta), Cristina Romero que substituíu a Encarna Amigo, Marta Rodríguez-Vispo, Marián García Míguez que substituíu José González Vázquez, Antonio Mouriño e Jesús Miguel Prado Patiño (vicepresidente).
Por parte de En Marea figuran o portavoz parlamentario, Luís Villares, e a responsable sanitaria, Eva Solla (secretaria); mentres que o PSdeG achega ao titular na materia, Julio Torrado, e ao seu portavoz parlamentario, Xoaquín Fernández Leiceaga. O BNG sitúa nesta comisión á súa líder, Ana Pontón.
Concretamente, o título da comisión pretende determinar as "consecuencias dos recortes e privatizacións sobre o sistema sanitario galego (2009-2018), con especial incidencia en casos como a non dispensación de medicamentos necesarios a enfermos de Hepatite C ou o falecemento dun paciente sen atención na PAC da Estrada".
Foi impulsada polo tres grupos da oposición, facendo uso da prerrogativa parlamentaria que lle dá o regulamento para activar unha comisión de investigación sen apoio do grupo maioritario.
O MARISQUIÑO
O PPdeG tamén controlará a Comisión do Marisquiño. A deputada do PPdeG Cristina Romero Fernández presidirá a comisión de investigación que indagará sobre o accidente ocorrido o pasado mes de agosto en Vigo, durante a celebración do festival do Marisquiño. Tamén os populares ocuparán a vicepresidencia da Mesa desta comisión parlamentaria, mentres que será En Marea, con Carmen Santos, o grupo que ocupará a secretaría.
O control da comisión servirá para vetar comparecencias críticas coa Xunta e aprobar aquelas que poidan atacar a outros partidos, como é o caso do PSdeG en Vigo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.