Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/09/2018 | Actualizada ás 16:29
As competencias de Política Lingüística estarán ligadas, tras a nova remodelación do Executivo de Alberto Núñez Feijóo, á Consellería de Cultura e Turismo, que dirixe Román Rodríguez.
O propio Feijóo ratificou este xoves, durante a toma de posesión dos novos conselleiros e dos que ven reorientadas as súas áreas, que as competencias de lingua quedarán unidas a Cultura. Até agora, a Secretaría Xeral de Política Lingüística, que dirixe Valentín García, dependía da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
O presidente galego incidiu nesta cuestión cando, no momento no que realizaba o repaso dos novos retos e tarefas, encomendou a Román Rodríguez traballar para "facer o mellor Ano santo da historia".
Con ese fin, remarcou, únense as competencias en patrimonio, cultura e turismo, "ademais das relacionadas coa defensa e promoción da lingua galega" nunha Consellería "destinada a coidar a identidade galega e a proxectala cara ao exterior".
Co decreto do idioma no ensino implantado desde hai anos, Feijóo incidiu en que a lingua é unha peza crave, precisamente, da "identidade galega", e tamén subliñou que o departamento de Carmen Pomar centrarase exclusivamente nos asuntos do ámbito educativo a todos os niveis.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.