División de opinións ante a transferencia das competencias das VTC a Galicia

A Xunta afea "as formas" a Fomento e esixirá aclarar as "moitas dúbidas" que lle xera o decreto, mentres que o sector do taxi ve "moi precipitado" facer xa unha valoración do texto.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/10/2018 | Actualizada ás 14:57

Comparte esta noticia

A Xunta non considera que sexan "formas" que o Goberno central aprobase o decreto das empresas de vehículo de aluguer con condutor (VTC) "sen abordalo previamente nos órganos que existen" para iso. Por iso, acudirá este mércores á reunión co Ministerio de Fomento para tratar de aclarar as "moitas dúbidas" que lle xera o texto. Así o destacou a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, en declaracións aos xornalistas antes de reunirse con representantes do sector do taxi de Galicia.

Un vehículo VTC identificado como tal na Comunidade de Madrid
Un vehículo VTC identificado como tal na Comunidade de Madrid | Fonte: RTVE

En concreto, o ministerio explicará este mércores ás comunidades autónomas o real decreto lei que aprobou este venres polo que cede a estas administracións a regulación e xestión das VTC. Convocou para iso aos directores xerais de transportes.

"Estamos a falar dun decreto que xa foi aprobado, non temos moita marxe para cuestionalo e modificalo", censurou a conselleira, antes de precisar que aínda é "pronto para facer a avaliación", posto que os servizos xurídicos da Xunta "están a analizalo".

Nesta liña, Ethel Vázquez avisou de que "non se pode lexislar sen dialogar" e insistiu en que "as formas" non lle parecen "correctas", no medio dun "conflito" entre o sector do taxi e o do vehículo de aluguer con condutor. Neste contexto, lembrou que o Goberno galego "sempre" dixo que o que non ve "adecuado" é "que no canto de resolver" os problemas "transfíranse" ás comunidades.

"URXE" O REXISTRO DE VTC

Co decreto, valorou, "os problemas posponse e trasládanse catro anos, que poden chegar a seis", coa vista posta en chegar ao cociente "de consenso" de 1/30 que defende tanto o Executivo autonómico como o sector do taxi na comunidade para unha "convivencia harmónica". Nestes momentos, segundo os seus datos, o cociente é de 1 licenza de VTC por cada 13 taxis.

Neste escenario, ademais, a titular de Infraestruturas fixo un chamamento a Fomento para que "canto antes poña en marcha o rexistro de vehículos de aluguer con condutor", porque "xa urxe" e "é necesario para coordinar" e para "facer seguimento dese servizo".

QUEN ASUME AS INDEMNIZACIÓNS

Na actualidade, o cociente non se está cumprindo, segundo interpretou Vázquez, pola lei ómnibus do Goberno de José Luís Rodríguez Zapatero.

Debido a este feito, "parece que se poderían eliminar certas licenzas nos tramos urbanos das cidades", apuntou. Con todo, a Administración autonómica ten "grandes dúbidas" sobre "quen asume esa posible indemnización" e cre que ha de ser Fomento quen se faga cargo.

Pola súa banda, o portavoz de Fegataxi, Manuel Sánchez Quindimil, pospuxo a súa valoración do decreto, xa que por agora veo "moi precipitado", e apelou a esperar a ver como se sucede o encontro deste mércores.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta