Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/10/2018 | Actualizada ás 12:40
A decisión da dirección do PSdeG de convocar primarias para elixir aos candidatos ás cidades e tamén á Xunta non deixou a ninguén indiferente dentro deste partido. Os afíns a Gonzalo Caballero defenden a medida para "estar preparados" para o futuro, mentres que os seus críticos din que busca "blindarse" no cargo.
Neste sentido, a viceportavoz parlamentaria do PSdeG, Particia Vilán, asegurou que a convocatoria de primarias para elixir candidato socialista á Presidencia da Xunta "non é nada estraño" e considerou que, dada a "estabilidade" que vive o partido en Galicia, "é o momento de estar preparados para o que poida ocorrer".
"O certo é que o partido está xa absolutamente estable en Galicia e, agora mesmo que se acorde por parte da Executiva Nacional, en coordinación coa Federal, a apertura de primarias non sería nada estraño", sinalou nunha rolda de prensa ofrecida este mércores na Cámara galega. "Hai outras comunidades que o fixeron", apuntou.
Así mesmo, despois de incidir en que "a estabilidade do PSdeG é evidente", considerou que, aínda que o proceso electoral que vén é o local e o europeo, é posible que haxa outras eleccións. "Quen sabe se hai unhas eleccións xerais e se Pablo Casado desaparece desas xerais e se Feijóo adianta en Galicia e marcha para alí", apuntou.
Ademais, lembrou que o Partido Socialista "é pioneiro" en España na celebración de primarias e remitiuse á rolda de prensa convocada polo secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, que comparecerá ante os medios após a reunión da súa Executiva Nacional.
DIFERENCIAS
En concreto, o Partido Socialista de Galicia prevé celebrar o domingo 18 de novembro as súas primarias para elixir ao que será o seu candidato á Xunta, un proceso que terá lugar un ano e un mes despois de que o seu actual secretario xeral, Gonzalo Caballero, fose elixido líder pola militancia.
Con todo, esta decisión colleu por sorpresa a moitos dirixentes socialistas que consideran que esta convocatoria "é precipitada" e que ten como finalidade "blindar" a Gonzalo Caballero para que poida encarar con "tranquilidade" a súa candidatura á Xunta.
Segundo as fontes consultadas por GC, a decisión de adiar as primarias municipais foi xa moi criticada por desterminados dirixentes provinciais. "Agora sabemos porque este retraso", apuntan ao suliñar a intención de Caballero de tentar "blindarse no cargo".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.