Menchu Lamas enxalza o papel da muller na súa estrea como membro da Real Academia Galega de Belas Artes

O acto celebrouse no museo Marco de Vigo, onde a nova académica da Sección de Pintura e Gravado pronunciou o seu discurso “Cando a cor respira”.

Por Galicia Confidencial | Vigo | 01/12/2018 | Actualizada ás 17:18

Comparte esta noticia

A pintora Carmen Lamas Pérez, coñecida como Menchu Lamas (Vigo, 1954), pronunciou este sábado o seu discurso de ingreso na Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA) como académica numeraria da Sección de Pintura e Gravado. O acto, que se celebrou no Museo de Arte Contemporánea de Vigo (Marco), estivo presidido polo titular da RAGBA, Manuel Quintana Martelo.

Ingreso de Menchu Lamas na Real Academia Galega de Belas Artes.
Ingreso de Menchu Lamas na Real Academia Galega de Belas Artes.

O presidente deu unha cordial benvida á pintora, que se suma ao ingreso doutras mulleres académicas, como recentemente ocorreu con Soledad Penalta, co fin de achegar un pouco máis á institución a un equilibrio na igualdade. Lembrando os tempos do colectivo Atlántica, Quintana Martelo relatou ao auditorio o momento exacto no que coñeceu a Menchu Lamas, na derradeira exposición da agrupación artística en 1983, titulada “Atlántica 83”, que xunto a outras mostras marcaron un antes e un despois na arte galega.

Neste contexto da década dos 80, o presidente cualificou esa época como anos de “ilusión, despegue e asentamento dun bo número de artistas aos circuítos das artes”, entre eles a nova académica. “Menchu Lamas gañou o seu propio espazo, creou unha iconografía distinta e persoal a partir dun modo de compoñer que sempre vin moi galego e firme, moi asentado na nosa historia plástica e na reivindicación de formulacións da pintura máis libre do momento”, explicou Quintana Martelo. Ademais, o presidente describiu a Lamas como unha artista “segura” no desenvolvemento da súa obra e “incansable” traballadora que chega ata hoxe amosando a mesma liberdade expresiva e valentía ante a cor, “o que a converte nunha artista xenuína e consolidada dentro do mundo das artes plásticas”.

Nunha xornada tan emotiva e entrañable, Menchu Lamas quixo facer en primeiro lugar no seu discurso, titulado “Cando a cor respira”, unha lembranza especial para os seus país e outros seres queridos cos que lle gustaría ter compartido este momento e agradecerlles o apoio mostrado sempre ao seu traballo. Facendo memoria e volvendo a mirada ao pasado, Menchu Lamas lembrou a súa nenez en Venezuela, un país no que a chamaban Catira e no que descubriu, a través dos seus ollos de pequena, as explosións de cor no entroido de Caracas onde vertían caldeiros de pinturas polas rúas, ademais de outros instantes máis dramáticos das convulsións sociais.

Xa de regreso a Galicia, nunha longa viaxe en transatlántico, Menchu Lamas relatou ao público do auditorio do Marco os contrastes culturais que experimentou de rapaza coa volta á aldea da súa avoa.

Cun punto nostálxico, a pintora quixo render unha homenaxe aos amigos e familiares que xa non están, pero que aínda “gardamos na memoria viva do afecto”.

Casada co tamén pintor Antón Patiño, Menchu Lamas agradeceu o fondo agarimo dos seus sogros (Munda Pérez Sobreira e Antón Patiño Regueira) onde tivo o seu primeiro taller, enriba da libraría Librouro. Nestes anos 80, e xa no obradoiro de Patiño na rúa Príncipe de Vigo, a pintora relata como deu forma as súas obras máis coñecidas, que foron expostas na Bienal de São Paulo, na mostra de Artist’s Space en Nova Iork, no Instituto de Arte Contemporánea de Boston ou nas mostras de Europalia en Bruxelas, Gante e Namur.

ATLÁNTICA

Centrándose en Vigo, Menchu Lamas elixiu o Marco como lugar de celebración do seu ingreso na Real Academia Galega de Belas Artes por ser un lugar emblemático en relación á arte. Na cidade da súa adolescencia, a pintora fai memoria desa época de ilusións, entusiasmo e desexo por facer cousas novas, unha inquietude que culminou coa formación do grupo poético Rompente, en compañía de Alberto Avendaño, Antón Reixa, Manolo Romón e Antón Patiño. Ademais, a artista participou en actividades do “Colectivo de imaxe” ou na revista “Loia” nun momento no que estaba a cabalo entre Vigo e Madrid, “dous polos dun campo magnético ateigado de vitalidade, nun bule bule arreo, con música e lecer, traballo no obradoiro e infinitas conversas en tertulias”.

En plena década dos oitenta, Menchu Lamas crea xunto a Antón Patiño o movemento Atlántica, un grupo formado por artistas galegos destinado a situar a arte galega no panorama internacional e para dinamizar as artes visuais en Galicia, cunha reivindicación de espazos de visibilidade para a arte. “O remate dos 80 en Galicia foron aire de liberdade que activou a cultura como elemento de transformación", sinalou.

Centrándose no seu descubrimento persoal pola arte, Menchu Lamas destacou que sempre lle gustou expresarse no ámbito da imaxe visual, nun principio con debilidade pola fotografía para finalmente descubrir a intensidade expresiva da pintura, a súa espontaneidade e o feito de tocar a materia coas mans. “A pintura é un xogo e unha prolongación do corpo, con xestos e con símbolos. Entendo a miña pintura coma unha evolución das formas, onde a composición quere rebentar o espazo delimitado polo formato cadro”, asegurou.

A COR NA SÚA TÉCNICA

Xa analizando polo miúdo a súa técnica, Menchu Lamas compartiu co público o significado que a cor ten dentro das súas obras. A pintora considera que a cor é algo “simbólico e real”, explica que as cores teñen sentimentos e son as que crean a composición. “Cando a cor respira, o cadro vibra e toma corpo” –matizou–.

En concreto, a artista engadiu que nunha abstracción simbólica ten tanta importancia a cor, como a forma, a xeometría ou o xesto. E dentro do seu idioma simbólico, destacan tamén as formas xeométricas, as mans –unha parte do corpo que comunica as emocións a través do tacto, a sensibilidade ou unha caricia–, os peixes ou a lúa, unha iconografía persoal que vai medrando por estratos dos distintos momentos.

Outro elemento imprescindible no seu proceso creativo é a composición. Cando Menchu Lamas está cun formato, cando elixe unha tea, un cadro ou rectángulo, está pensando a nivel espacial e dándolle xeito a súa composición.

Outro punto incuestionable para Menchu Lamas é o apoio dos galeristas, coleccionistas e institucións. A artista explicou que o ecosistema da arte se nutre das distintas aportacións que sedimentan e conflúen nun espírito da época. Neste punto, fixo un percorrido polas súas diversas exposicións individuais e colectivas por diferentes países europeos e en Estados Unidos.

Pero fixo unha parada especial na mostra “Mulleres do silencio” no Marco de Vigo, comisariada por Rosario Sarmiento. Segundo indicou a pintora, esta exposición tivo unha gran repercusión, necesaria para conseguir transmitir a mirada das mulleres e a sensibilidade que constrúe o binomio arte e muller. “Agora seguimos a loitar pola superación do chamado teito de cristal cunha gran presenza da muller no eido da arte, e en todo o mundo hai recoñecemento ás aportacións creativas femininas”, apuntou.

E de volta ao Marco, Menchu Lamas non quixo perder a ocasión para comentar a situación de incerteza e indefinición na que se atopou o museo nos últimos tempos, pero onde contou coa defensa “moi firme” por parte do sector artístico e cultural. “A arte contemporánea é a arte da nosa época e ten que pertencer a todos. A arte e a cultura teñen que ser patrimonio de todos e por iso é importante que a arte contemporánea teña en Vigo esa xanela aberta que representa o Marco, situado no corazón da cidade. A arte e máis a cultura son un activo colectivo como o ensino ou a sanidade. Cada vez que desaparece un espazo artístico ou cultural medra a ameaza á liberdade, polo que cómpre estar vixilante ante estas situacións”, asegurou.

RESPOSTA DE DIN MATAMORO

Como contestación ás palabras de Menchu Lamas, interveu o membro numerario da Sección de Pintura e Gravado da Real Academia Galega de Belas Artes Eduardo Manuel Matamoro Irago. Coñecido como Din Matamoro, o pintor manifestou publicamente a súa admiración por unha pintora coa cor nas súas mans, que avanzou fiel a si mesma grazas a un traballo continuado e constante de “pintar e volver a pintar”.

Con seguridade de trazo e austeridade na representación, Din Matamoro fai unha parada especial no tratamento da cor e a materia na pintura de Menchu Lamas, recoñecida polo uso de cores rotundas, primarias e intensas. “Merece entrar na Academia polo seu rotundo imaxinario, por estar atenta e traspasar o mar das distancias, conectada intelectualmente co que pasa no mundo, o que nos tocou vivir. Dialogou e dialoga con pintoras e pintores, artistas doutras disciplinas, e sitúase na arte internacional do seu tempo”, destacou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta