GC Aberto

Aprendendo das eleccións andaluzas: Nada especialmente sorprendente

Sección: Renda Básica. - Realmente a primeira conclusión que se pode sacar das eleccións andaluzas é que non pasou nada especialmente sorprendente.

Por gcaberto | GC ABERTO | 11/12/2018

Comparte esta noticia

Trump, Bolsonaro, Salvini... O avance da extrema dereita ou, directamente, do feixismo, en Europa e no mundo, non é algo exclusivo de Andalucía. Nin do Reino de España. De feito, e sen ánimo de quitarlle ferro, nin sequera gañou de vez, como nos estados dos terríbeis personaxes mencionados. Non, nós estamos á altura de Francia, Alemaña, e outros países onde aínda nos queda un telediario antes de ser gobernados por eles, se non facemos algo. Tampouco é para tirar foguetes, ben sei. En momentos graves como este, os/as antifeixistas temos a obriga histórica de ser capaces de reflexionar. Seguramente estamos a facer algo mal, ou hai algo que tiñamos que facer e non facemos. Debemos por tanto, analizar friamente a realidade. En primeiro lugar debemos preguntarnos que cambiou no mundo para que hoxe estea medrando o feixismo por todas partes cando hai a penas uns anos non o facía, e que solucións “vende” ás cada vez máis numerosas persoas que os votan? Antecedentes históricos desvélannos que os feixismos, en tanto que movemento de masas (non confundir con ditaduras militares de defensa do sistema contra o trunfo da esquerda), nacen en momentos de inseguridade ou, de seguir a Gramsci, neses momentos en que o mundo vello aínda non morreu e o novo aínda non naceu.

Susana Díaz visita el monolito la fundador del PSOE, Pablo Iglesias, en Ferrol
Susana Díaz visita el monolito la fundador del PSOE, Pablo Iglesias, en Ferrol

Eses tempos de incertezas onde florece o MEDO. E os monstros. E que “mundos” novos están a piques de acabar cos vellos? Hai varios, certamente. E que poden provocar e provocan medos, ou sexa, o medre do feixismo. - Un feminismo triunfante que mete, literalmente, medo a moitos homes, receosos dos seus moitos privilexios perdidos. (Unha causa que merecería unha análise máis profunda, unicamente a apunto). -Uns estados con pretensións de ser nacionais, é dicir de converter os territorios que por fortuna (e violencia) lle tocaron dentro das súas fronteiras nunha única nación (indisoluble), cun único idioma, unha única cultura, unha única festa nacional... e que ven, con medo, o avance das loitas pola autodeterminación dos pobos que o compoñen. -Unhas igrexas, evanxélicas como en Brasil, ortodoxas como en Rusia, musulmás como en Turquía ou católicas como neste Reino, que están vendo caer un a un (ou moitos a moitos) os seus dogmas e, peor, os seus seguidores e as súas seguidoras, persoas cada vez máis avellentadas ante a deserción das máis novas. Aquí e, con máis ou menos rapidez, en todo o mundo. -Unhas tecnoloxías que cada pouco tempo cambian, que os que temos algúns anos fánsenos difíciles de seguir. Unha mocidade extraordinariamente preparada que vén pisando os calcaños ás que son a penas uns lustros maiores. Un medo a quedar “obsoletas” nun mundo que, ás veces, parece que vai demasiado rápido. -Pero na miña opinión o momento en que vivimos caracterízase especialmente por uns cambios tecnolóxicos moi importantes no mercado de traballo. Uns cambios que están a provocar a perda dun paradigma do século pasado, o traballo digno e estábel. Xa non se trata só de debater se este cambio veu para quedarse.

A xente, moita xente, especialmente a nova (e actualmente nova en moitos casos quere dicir menos de 40 anos) non coñece máis que alternancias de PARO E PRECARIEDADE, e cre que esta situación veu para quedarse. Ou para agravarse. En resume, estamos nun mundo que dá medo. A moitos e moitas. E cando hai medo a solución que ofrece o feixismo, sempre a mesma por moito sen sentido que sexa, aparéceselle a moitos e moitas como sensata, o ODIO. Porque se temos medo pero polo menos temos un inimigo a vida parece adquirir un sentido, non estou só/soa, somos nós contra “os outros”. Dá igual quen sexan “os outros”: Os gais que nos está “amariconando”, as feministas, que quitan postos de traballo, os/as indíxenas do Brasil que non deixan explotar o Amazonas, e crear postos de traballo, os/as inmigrantes... Calquera vale porque o que importa é o odio, non a quen. Contra esta situación debemos de reaccionar desenmascarando ese medo ao novo amplificado nos medios e nas redes. Porque non hai dúbida de que todos e cada un dos cambios que mencionei son positivos. Hai que contraatacar defendendo con optimismo realista as batallas gañadas, porque realmente non hai perdedores no feminismo, nin no laicismo, nin no entendemento entre os pobos, nin na necesidade de menos horas de traballo para producir o mesmo... salvo para as poucas persoas que teñan interese directo no mantemento de situacións inxustas e rancias. É certo que os novos “mundos” poden parecer complicados, pero en xeral son moito mellores cós de antes.

Pero por outra banda están os vellos mundos que non dan morto. As estruturas, as institucións, os prexuízos... Eses lugares onde o vello se está a enquistar non deixando nacer ao novo. Hai que identificalos, denuncialos, illalos. E finalmente están as institucións e estruturas que non se dan transformado. Hai hai que actuar con firmeza. Especialmente unha á que me vou referir agora. Como xa mencionei o cambio tecnolóxico está a xerar a desaparición progresiva do emprego estábel e digno provocando o colapso do sistema tal e como se entendeu dende, polo menos, a segunda metade do século pasado, cando se converteu na principal forma de distribución da riqueza en gran parte do mundo. Ao fallar o salario digno e estábel estase perdendo esta redistribución, favorecendo o incremento da desigualdade, que se une a inseguridade dos empregos precarios. Se o problema principal é a desaparición do salario digno e estábel a solución obvia é a instauración dunha renda substituta, que evite o colapso incontrolado do sistema, coa súa consecuencia, o feixismo. Unha Renda Básica Incondicional, Universal, Individual e Suficiente que acabe coa pobreza de vez e permanentemente, rematando así coa inseguridade, de carácter redistributivo para que limite a desigualdade e, sobre todo, que permita ter ESPERANZA, o mellor antídoto contra o MEDO. Porque a Renda Básica non vai resolver todos os problemas, entre os mencionados e outros non mencionados, como o demográfico, o abandono do medio rural, o cambio climático, etc. aínda que si facilitará a súa solución. (O cómo sería motivo de, polo menos, outro artigo). E de entrada teriamos un solo de dignidade. Un solo dende o que cada quen poida pensar a súa vida. Un solo dende o que construír a esperanza. Esa esperanza que acabe co medo principal hoxe, o medo ao paro e a precariedade. Que acabe, de vez, coa principal arma do feixismo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta