Carlos Velo no Liceo

A Fundación Carlos Velo celebra no Liceo de Ourense un acto baixo o rubro “O Carlos Velo que coñecimos” ao que fun convidado. Como non vou poder asistir, quéronme sumar ás voces convocadas para contar desde este xornal as vivencias que tiven co noso cineasta, relatando como e cando o coñecín e que relación tiven con el, amais dalgunha anécdota que partillamos xuntos.

Por Xosé Glez. | Redondela | 11/12/2018

Comparte esta noticia
A primeira vez que tiven coñecemento de Carlos Velo foi nun parladoiro celebrado na rebotica de Domingo Fernández del Riego á que eu acudía con frecuencia. Nela participaba tamén Antón Velo, o irmán  do admirado Pepe Velo, ambos os dous curmáns de Carlos. Era eu aínda un mozo de dezaséis anos que empezaba a iniciarse no galeguismo da man de Xaime Seixas, un crego xesuita  que me aleccionou no coñecemento da historia do galeguismo e me introducíu nel, contando coa bagaxe previa que me aportaran os relatos familiares da miña casa, que non foi pouca. Meu pai fora amigo de Pepe Velo e correlixionario no Socorro Roxo.
Chegoume  un día, da man de Xaime Illa Couto, cofundador da editorial Galaxia, con  moito aquel de misterio, como era costume naqueles tempos, un  exemplar da  revista Vieiros (1959 – 1968)  editada polo Padroado da Cultura de México. Tanto no Padroado como  no consello de redacción da revista notábase o maxisterio de Carlos Velo, de Luís Soto, Florencio Delgado Gurriarán e o pintor Arturo Souto, entre outros. 
 
No citado parladoiro da rebotica alguén fixo mención a un artigo de Carlos Velo publicado no primeiro número da revista titulado “Os Fitos da Xuventude”. A súa lectura foi decisiva no meu compromiso  nacionalista, que, co paso do tempo, había ser transcendental por ter responsabilidades anos máis tarde na dirección da entón clandestina UPG. Un dos parágrafos dicía así: “Si, sodes vós, rapaces valentes, avencellados escontra daquiles que aínda teñen un Sorriso firente cando se fala dos “galegos”, sodes vós os que, esbordando os sinxelos anceios estatutarios, teñen que conquerir os fins colectivos…para que o direito humán da autodeterminación sexa unha realidade económica”.
 
Pero realmente foi Luís Soto, un dos fundadores da UPG, o que me aproximou a Carlos Velo. Tanto lle falou Soto de min  a Velo, louvando as ,miñas dotes no liderado da organización, que o deixou prendado da miña humana militancia nacionalista. Pasaron os anos e por volta dos anos oitenta, aproveitando unha súa estadía en Madrid, convideino a que viñese a Galicia para coñecérmonos personalmente. Sorprendeume que aceptase o convite, sabendo que as súas ocupacións na capital eran moitas.Veu a pé feito para pasarnos un día xuntos e marchar de volta o seguinte.  Lembro aquel encontro no que me amosara o seu estusiasta afecto cunha duradeira aperta como se nos frecuentásemos de vello. Puiden telo coñecido na década dos setenta cando Luís Soto me ofrecerá a súa casa de Cuernavaca, lindante, por certo, coa de Mario Moreno “Cantinflas”, para asistir á  homenaxe ao poeta León Felipe. Pero non puiden ir e perdín a ocasión de coñecer a Carlos e de paso ao afamado actor.  Luís Soto foi o causante da admiración que Carlos tiña por min.
 
Sabendo que Carlos era biólogo mirei de amañar un barco dun amigo para levalo a facer unha viaxe  pola ría que durou toda a mañá, arrolados polas ondas do mar de Vigo nas que parecianos escoitar a Martín Codax cantar as súas cantigas. Botamos tamén pé na illa de San Simón para apreixarmos a lírica de Mendiño. E atracamos nunha batea. Era a primeira vez que subía a unha e aquilo provocaralle unha emoción indescriptible. Foi nesa viaxe cando me dixo que tiña unha espiña fonda cravada por non ter feito a película do secuestro do “Santa María” protagonizada polo seu curmán Pepe Velo. Desa conversa naceu a idea de escribir unha biografía. A través da súa filla Manuela, cantante de ópera con residencia en Venezuela, conseguín  o contacto co seu irmán Víctor, que acompañou ao seu pai naquela xesta histórica, que axiña me enviou un mangado de fotocopias de documentos inéditos que logo cedínllos a Antón Piñeiro para escribir unha biografía densa e ben traballada sobre Pepe Velo, despois de renunciar eu a escribila.
 
O papel de Carlos Velo no exilio mexicano foi fundamental para acrecentar a loita contra a ditadura franquista. Pero tamen apoiando, algo que poucos saben, ao grupo capitaneado por Fidel Castro que preparou   en México a sublevación contra Batista. Carlos Velo, unha vida de cine que aínda está por rodar.
 

Integrantes da Fundación Carlos Velo
Integrantes da Fundación Carlos Velo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xosé González Martínez Presidente do Foro E. Peinador e da Fundación Lois Peña Novo, secretario da Asociación de Funcionarios para Normalización Lingüística, da Irmandade Xurídica Galega e Asociación de Amigos do Couto Mixto.