Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 13/12/2018 | Actualizada ás 09:00
Este martes 11 de decembro viu a luz unha nova asociación estudantil, Irmandade Galega Universitaria (IGU). Fíxoo nun acto celebrado no salón de actos da Facultade de Ciencias Políticas e Sociais (USC), onde reivindicaron o seu carácter galeguista e o seu compromiso de participar activamente na vida política do país.
O presidente de IGU, Manuel Martínez, definiu esta organiZación como "herdeira do galeguismo histórico e do nacionalismo das Irmandades da Fala e a Xeración Nós". A fío disto, remarcou a "importancia" de centrar o debate político e académico en Galicia e nos problemas que atinxen ao país. "O galeguismo é o mellor antídoto contra os extremismos alleos", afirmou.
O acto de presentación tamén comprendeu unha conferencia-coloquio a cargo do profesor Xosé Luis Barreiro Rivas, quen fixo un percorrido histórico polo sistema de partidos de Galicia, prestándolle especial atención ao papel do nacionalismo. Afondou en cuestións referidas ao tripartito, ao Pacto dos Tilos ou ás organizacións de Coalición Galega e Partido Nacionalista Galego. A directiva de IGU xa avanzou que nos vindeiros meses haberá máis coloquios deste estilo, con outros convidados.
Ao remate do evento, os membros da asociación expresaron o seu compromiso de ser partícipes activos nas canles de representación estudantil das universidades galegas e na vida cultural e política do país.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.