Os agasallos de Nadal 'made in Galicia', unha aposta polo noso

Emprendedores locais e organizacións como A Mesa pola Normalización Lingüística coinciden en que apoiar os negocios cuxa produción se desenvolve en Galicia é un xeito de colaborar para que "eses cartos queden aquí e haxa emprego de calidade". Se de paso se promove a lingua galega, os efectos serán "multiplicadores".

Por Silvia López | Santiago de Compostela | 14/12/2018 | Actualizada ás 14:16

Comparte esta noticia

"Hai un montón de cousas de Galicia e feitas en Galicia que son flipantes". Mágoa que non sempre sexan coñecidas. Quen o di é Pilar Ceneri, unha rapaza con falar arxentino que bateu con Belén Diz Juncal para crearen xuntas un proxecto que combina ilustración e bordado. Dende 'Tramón Milenario', que así se chama a iniciativa, animan a agasallar este Nadal artigos producidos e deseñados na nosa terra. "Que mellor ocasión, non?", deixan caer.

O Mercado de Nadal de Santiago de Compostela, na rúa Carreira do Conde
O Mercado de Nadal de Santiago de Compostela, na rúa Carreira do Conde | Fonte: Galicia Confidencial

Estas mozas emprendedoras visitaron esta semana o Mercado de Nadal de Compostela, un evento polo que pasarán arredor de 150 expositores ata a primeira semana de xaneiro. Coma elas, Cruz López, de 'Planeta Tres Zetas', e Xosé Manuel Blanco Vila, de 'Mel do Carabel' -outros dos proxectos participantes- tamén defenden a importancia de apostar polo noso nunhas datas coma estas (e sempre!).

Xosé Manuel Blanco, produtor de mel ecolóxico que comezou nesta andaina haberá uns sete anos, négase rotundamente a vender a grande distribución. “Cando lle compras ao cercano, ao pequeno apicultor, estás favorecendo que eses cartos queden aquí e que haxa emprego de calidade", di, en relación ao impacto destas pequenas accións individuais na economía. “As nosas empresas, que son chiquitas, teñen un montón de traballo acá, porque á fin e ao cabo facémolo todo en Galicia" afirma Pilar Ceneri, para quen esta liña de traballo é unha maneira de exportar calidade.

A maior traba destas pequenas empresas á hora de chegar ao público adoita ser o prezo. "Sempre vén alguén que di que iso mesmo o podería atopar máis barato noutra tenda", exemplifica Belén Diz, e "seguramente sexa certo, pero haberá que ver en que condicións se produce". Descóbrese aí un labor de pedagoxía cara a clientela, ao ter que explicar todo o traballo que hai detrás, a procedencia dos materiais, a responsabilidade social coa que ese produto foi elaborado...

Malia percibirse un avance respecto da concienciación cidadá -especialmente entre a mocidade, "que se interesa máis por estes asuntos"-, todos coinciden en que aínda queda moito camiño por percorrer. "Cómpre facer ver que, ademais de comprar un produto singular e de calidade, estase xerando riqueza no lugar máis próximo e inmediato", dicía Cruz López. A dela é unha reivindicación a prol da economía local e da unicidade dos produtos confeccionados artesanalmente. "Isto que facemos non o vas ver en ningún outro sitio e iso tamén é parte do noso valor engadido”, subliñaba, "é o que nos diferencia como país e como cultura". 

 

 

 

 

Ver esta publicación en Instagram

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Mercado de Nadal, Compostela (Carreira do Conde, ata o mércores 12) 💜

Una publicación compartida de Planeta Treszetas (@planetatreszetas) el

"PRESTIXIAR O GALEGO É PRESTIXIÁRMONOS NÓS MESMOS"

Precisamente da man diso vai outra das teimas de Cruz. Ela, que se define a si mesma como firme defensora de que en galego se pode vender en calquera parte do mundo, non entende que a lingua que usamos no eido familiar non poida ser a mesma que escollemos para os negocios. "Por que temos que cambiar de rexistro cando saímos á rúa a vender?", pregúntase.

O uso consciente do idioma a nivel empresarial é algo que quixo valorar A Mesa pola Normalización Lingüística. Esta organización vén de publicar un catálogo que recolle diferentes opcións de agasallos vinculados a negocios que apostan decididamente polo galego. "Todas as decisións que tomamos como consumidores e consumidoras teñen implicacións", expresan nesta recompilación do proxecto 'Abertos ao Galego'. "Non ten as mesmas repercusións económicas, laborais ou ecolóxicas comprar un iogur fabricado en Francia ca en Galiza, do mesmo xeito que non é o mesmo ter contratada unha empresa de telefonía que emprega persoas que poden atender a clientela en galego ou unha que non dá o seu servizo na nosa lingua”.

Sendo así, A Mesa presenta unha serie de motivos polos cales preferir empresas que empregan o galego na súa actividade diaria. Apoiando activamente estas compañías "estamos facendo moito por promovermos o galego no ámbito socioeconómico" e iso "ten efectos multiplicadores" noutros ámbitos, como no laboral. A lingua galega, ademais, "é unha marca de orixe e a orixe galega dos produtos é un sinal de calidade e, en moitos casos, de elaboración natural e artesanal", tal como viamos antes.

Dende a organización, teñen claro que "prestixiar o galego é prestixiármonos nós mesmos", así que este Nadal temos a mellor das oportunidades para facelo. Que chovan moreas de agasallos galegos e en galego, porque aquí en Galicia, como clamaba unha das mozas de 'Tramón Milenario', tamén "estamos facendo cousas, están pasando cousas!".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta