Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 15/12/2018 | Actualizada ás 19:17
O secretario de programas e portavoz económico de Ciudadanos, Toni Roldán, instou nun acto en Santiago de Compostela á unión dos "liberais progresistas" para crear un "gran centro político para combater aos populismos e aos nacionalismos".
No marco da celebración das I Xornadas 'Civium Galicia', Toni Roldán destacou que "os vellos eixos de esquerda e dereita xa non serven para explicar as cousas que hoxe pasan no mundo" e criticou, na súa intervención, que España gaste "seis mil millóns en formación" e que non se saiba "en que se invisten".
Pola súa banda, Andrés Velasco Brañes, profesor da London School of Economics, referiuse ao auxe dos populismos destacando o valor e a necesidade da política liberal xa que "as ideas de centro liberal son ideas distintas, ideas propias". Subliñou que "cando hai problemas que requiren respostas complexas, os populismos responden dunha forma simplista" e defendeu que fronte á "mentira do populismo, no liberalismo non caben as medias tintas, hai que ser honesto".
O acto foi clausurado pola portavoz autonómica de C's, Olga Louzao, que agradeceu aos asistentes a súa presenza nas xornadas e emprazou os participantes a que o debate "teña continuidade pola importancia dos temas expostos nos foros de discusión, así como pola calidade dos seus relatores".
As xornadas celebradas en Santiago de Compostela analizaron os desafíos do rural no século XXI e o presente e futuro da comunidade, acorde ás esixencias do século XXI e da revolución dixital.
CIUDADANOS DE NARÓN
Por outra banda, Ciudadanos de Narón acusou ao Concello de non permitirlle instalar a súa carpa no Feirón de Sedes da localidade, que xestiona a administración local.
"Non cremos admisible que por terceira vez se nos denegue a instalación da nosa carpa", criticou a coordinadora local de C's, Ana Regueira.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.