Por Europa Press / Redacción | VIGO | 20/12/2018 | Actualizada ás 15:28
O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, apuntou a un "golpe de mar" que desprazou as redes e provocou un "parón na máquina" como posible causa do naufraxio o mércores en Fisterra do pesqueiro 'Sin Querer II', segundo se desprende das primeiras impresións trasladadas polos superviventes da traxedia.
Así o manifestou Losada, após participar en Cambados nun minuto de silencio en memoria do tres veciños falecidos—o desaparecido tamén é do municipio—, que tivo lugar fronte ao consistorio cambadés ao mediodía deste xoves.
O delegado do Goberno incidiu en que a única información que se dispón neste momento é a trasladada polos sobreviventes do naufraxio e sinalou, "con todas as cautelas", que se sabe que "o barco viña sen carga e supoñen que houbo un golpe de mar", que puido "levar unhas redes ao fondo do barco".
Así, indicou que eses aparellos puideron "enrolarse nas hélices" do pesqueiro, o que puido provocar "un parón na máquina" e que "houbese un volteo".
Na mesma liña, sinalou que non hai información fiable acerca de que puido pasar co mariñeiro que permanece desaparecido, Guillermo Casais, xa que algúns tripulantes "viron que se afundía, polas botas que levaba postas", aínda que podería quedar a mercé "das correntes".
Segundo engadiu, "agora a prioridade" é buscar a ese mariñeiro que segue desaparecido, e para iso mantense o operativo, conformado por efectivos marítimos e aéreos de Salvamento, Xunta, Garda Civil e a Armada.
Por outra banda, o delegado confirmou que xa se puxo en marcha a comisión para investigar o naufraxio e que serán os técnicos os que determinen --unha vez que se localice ao desaparecido ou que se suspendan os labores de procura-- cando se debe reflotar o barco afundido.
PATRÓN MAIOR DE PORTONOVO: UN CASO "MOI ESTRAÑO"
O patrón maior de Portonovo —porto base do barco—, Juan José Besada, incide en que "o caso é moi estraño", tanto "polas circunstancias do mar como porque o barco estaba en perfecto estado".
Á súa saída do pleno extraordinario celebrado no municipio de Sanxenxo, no que se gardou un minuto de silencio e se decretou un día de loito, Besada apuntou que falou con familiares de sobreviventes que están en "estado de shock", xa que "viron morrer aos seus compañeiros", mentres o barco "se foi ao fondo moi rápido".
Incide en que por agora tan só hai "especulacións" sobre as causas. É "moi estraño", dado que o barco "estaba en ruta de volta", pero con ese tempo "podía estar a traballar tranquilamente" se quixese, dixo.
SOLIDARIEDADE
Medio milleiro de persoas congregouse ao mediodía deste xoves ás portas do Concello de Cambados (Pontevedra) para gardar un minuto de silencio en memoria dos tres mariñeiros falecidos e o que permanece desaparecido, todos eles veciños cambadeses.
Os asistentes amosaron o seu pésame nunha emotiva concentración, na que o silencio só foi roto coa versión musical de Luz Casal do poema 'Negra Sombra', e na que se leu unha declaración institucional por parte da alcaldesa de Cambados, Fátima Abal.
Na declaración, o Concello de Cambados trasladou a súa "solidariedade" a familias e achegados das vítimas, nestes momentos de "profunda dor", e lembrou que o barco afundido era "un pesqueiro moi querido e coñecido" polos veciños. "O regreso a casa do buque truncouse este mércores de forma inesperada para a súa tripulación, despois de descargaren a súa pesca na Coruña, procedente de Xixón. Puñan rumbo a Cambados, co propósito de pasar as festas de Nadal cos seus familiares e amigos", lembrou a alcaldesa.
Após lembrar aos falecidos, ao desaparecido e aos sobreviventes desta "traxedia" e doutros naufraxios, a declaración concluíu: "Cambados está a sufrir, Galicia está a sufrir e toda España está a sufrir. Non morre quen se vai, só morre o que se esquece, e o Concello de Cambados non vos esquecerá xamais".
CAPELA ARDENTE E FUNERAL
A alcaldesa de Cambados confirmou que, desde a tarde deste xoves, queda instalada a capela ardente conxunta, por petición das familias, no pavillón cambadés do Pombal.
Así mesmo, está prevista a celebración do funeral polo tres mariñeiros falecidos (Manuel Serén, Bernardino Padín e Teófilo Rodríguez) este venres ás 16,00 horas, nas propias instalacións do Pombal.
No entanto, non se descarta que a cerimonia fúnebre se poda atrasar, no caso de que aparecese o corpo de Guillermo Casais, o tripulante do 'Sin Querer II' que permanece desaparecido desde o afundimento do pesqueiro, a 4,5 millas ao sur de Fisterra.
Por outra banda, Cambados decretou tres días de loito oficial, nos que quedará suspendida toda a actividade institucional e, ademais das bandeiras ondeando a media asta, o Concello decidiu que se manteña tamén apagado o alumeado do Nadal. "É unha situación moi tráxica, a situación máis dramática que viviu Cambados nas últimas décadas e a máis dura para min como alcaldesa e como cambadesa", recoñeceu Fátima Abal, quen reiterou que os falecidos e o desaparecido, así como as súas familias, son "moi coñecidos" na vila.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.